O Waterpolo Pontevedra perde a súa condición de invicto en Santiago

Pontevedra
17 de decembro 2019

O equipo sénior masculino do club pontevedrés perdeu o seu primeiro partido da tempada na casa do seu máximo rival polo primeiro posto da liga regular. O conxunto feminino continúa pola súa banda coa súa marcha triunfal 

Partido entre Waterpolo Pontevedra e CN Coruña
Partido entre Waterpolo Pontevedra e CN Coruña / Diego Torrado

Tivo que chegar o primeiro partido da segunda volta na liga Galega de División de Honra Masculina para ver a primeira derrota do Club Waterpolo Pontevedra.

O conxunto pontevedrés visitou ao seu gran rival polo liderado da competición regular, o CW Santiago, e saíu derrotado por un tenteo de 10-8 que lle fai perder o liderado pola peor diferenza de goles con respecto ao cadro compostelán, co que pasa a estar empatado con 15 puntos.

O primeiro cuarto comezou moi disputado e igualado en todos os aspectos, aínda que os locais tiveron mellor acerto e adiantábanse 3-2. Con todo o segundo parcial resultou decisivo cun Santiago que se marchou 7-2 ao aproveitar tres superioridades numéricas. Demasiada desvantaxe a pesar da reacción pontevedresa para apertar o marcador nos últimos minutos, resultando inútil o seu esforzo.

Quen si mantén a súa serie triunfal é o equipo sénior da División de Honra Feminina, ao impoñerse por un contundente 6-17 ante o mesmo rival, o CW  Santriago.

As pontevedresas mantéñense como líderes invictas da competición tras gañar os seus catro encontros disputados.

En Santiago completouse a xornada cun choque da Segunda División Masculina que concluíu con empate (9-9).