Unha das consecuencias da experiencia do Club Waterpolo Pontevedra en categoría estatal é a maior presenza de xogadoras internacionais no equipo, coa oportunidade que iso supón para o waterpolo pontevedrés de empaparse da súa experiencia.
Unha desas xogadoras é Valentina Restrepo, que defenderá por terceira campaña en Primeira Nacional o Waterpolo Pontevedra e que estes días fai que desde Rías do Sur poñan un ollo no outro lado do charco, concretamente en Colombia.
De alí é Valentina e alí, en Cali, está a disputar o Campionato Suramericano Absoluto, do 2 ao 7 de outubro.
A xogadora do equipo pontevedrés volveu xogar coa súa selección nacional, e leva de feito desde principios de setembro adestrando con ela para este campionato internacional.
Contará cos ánimos desde a distancia de todas as súas compañeiras, nunha cita na que loitará polo título coas seleccións absolutas de Brasil, Perú, Arxentina e Chile.