Son unha parte fundamental para que a organización do considerado como o maior evento acollido pola cidade, o ITU Multisport Festival, resulte un éxito.
A oficina de voluntariado dos campionatos do Mundo de tríatlon que se celebrarán en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio recrutou a medio milleiro de voluntarios precedentes de ata 14 países como Canadá, Estados Unidos, México, Turquía e mesmo Paquistán, entre outros.
Son xente particular e pertencentes a colectivos como a Brilat, Escola Naval, centro penitenciario da Lama, facultade de Fisioterapia ou asociacións como Xoán XXIII ou Virxe da O, pero tamén son persoas do departamento de xuventude de Portugal, acompañantes de triatletas ou mesmo triatletas que queren "botar unha man" os días que non compiten, confirmaron este martes Miguel Balea e Teresa Blanco, responsables da coordinación da oficina do voluntariado, acompañados do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
O Concello de Pontevedra foi escenario dun acto no que se fixo entrega de parte do equipamento deseñado para todos os voluntarios, e que recolleron os diferentes xefes de sector, xa que a súa organización dividirase en diferentes áreas: protocolo e cerimonias; apoio á dirección de carreira; loxística; comunicación e prensa; e secretaría e acreditacións.
"Van a ter unha labor importantísima todos os días do campionato", confirmou Anxos Riveiro. Tanto é así que os días 'grandes' do ITU Multisport Festival, os de maior participación (27 de abril e 4 de maio) só no apoio á dirección de carreira é preciso a colaboración de máis dun cento de persoas.
A súa presenza durante os campionatos completarase cunha serie de actividades de lecer durante toda a semana, confirmou Balea. O seu traballo iniciarase ademais uns días antes da inauguración para montar o dispositivo e as bolsas que se lles entregarán aos deportistas.