O voleibol galego repite xornada festiva en Pontevedra

Pontevedra
29 de abril 2024

Por cuarto ano consecutivo Pontevedra acollerá, o vindeiro sábado 4 de maio, un dos principais eventos do voleibol galego de base, coa celebración dos campionatos autonómicos prebenxamín e benxamín xunto á Copa Galega Alevín

Presentación dos campionatos galegos prebenxamín e benxamín e a Copa Galega Alevín de voleibol
Presentación dos campionatos galegos prebenxamín e benxamín e a Copa Galega Alevín de voleibol / Concello de Pontevedra

Por cuarto ano consecutivo Pontevedra acollerá, o vindeiro sábado 4 de maio, un dos principais eventos do voleibol galego de base.

Farao acollendo nos pavillóns Multiusos e A Xunqueira II os campionatos galegos de categoría prebenxamín e benxamín xunto á Copa Galega Alevín.

"Veñen moitos rapaces de idade de 12 anos para abaixo e iso axuda moitísimo a promover este deporte na cidade. Moveremos entre 300 e 500 rapaces entre 12 e 9 anos", explicou na presentación da xornada a presidenta do Club Voleibol Pontevedra, Patricia Valcárcel, xunto á edil de Deportes, Anabel Gulías, e Moncho Baña, representante da Federación Galega de Voleibol.

"Para nós é importante que se celebren este tipo de campionatos e de probas nesta cidade", incidiu Gulías.

"Son os máis cativos, que sempre valoramos porque son a parte máis pura do deporte. É unha proba moi bonita, con moita animación", completou Baña na presentación do evento celebrada este luns no Concello.