Segue subindo chanzos no seu xogo, pero máis aínda no seu rendemento o Villalonga conseguindo unha clara vitoria sobre un Betanzos ao que non deu opcións para inquietar a meta defendida por Roberto Pazos. Os homes de Guillermo Fernández Romo, sempre ben posicionados sobre o terreo de xogo, dominaron con comodidade non permitindo aos seus rivais crear perigo en todo o partido.
O Betanzos non confirmou as boas sensacións que deixara en xornadas anteriores, pero máis por méritos do Villalonga que por deméritos dos xogadores que adestra José Manuel Pose, se ben hai que dicir que cando precisamente estaban nos seus mellores minutos do partido, na segunda parte e trataban de estirarse en busca do empate, un gol en propia porta de Vispo sentenciaba o choque a favor dos propietarios do terreo.
A vitoria foi absolutamente merecida para o Villalonga, que dominou ámpliamente no primeiro tempo e foi máis práctico no segundo. Os locais adiantáronse nunha xogada levada por Roberto Piñeiro que se internou pola banda, recortou na frontal e cedeu para Machu que bateu dun disparo cruzado a Diego López. Pose modificou tacticamente o equipo no descanso, pero o Betanzos unicamente se aproximou, sempre sen perigo, máis por pulo que por xogo.
VILLALONGA, F.C.: Roberto Pazos, Leo, Marc, Melo, Tenorio, Fran Matos (Roberto Feáns, min. 61), Machu (Pedro, min. 80), Isma, Miguel, Saúl e Roberto Piñeiro (Quini, min. 75).
BETANZOS, C.F.: Diego López, Botana, Jacobo, Nico, César, Vispo (Angeriz, min. 78), Javi Otero, Peloto, Felipe, Xoel (Álvaro, min. 46) e Cata.
Árbitro: Caamaño Vázquez (Vigo). Amoestou polo Villalonga, a Leo e Miguel; e, polo Betanzos, a César, Javi Otero e Álvaro.
Goles: (1-0) Min. 38: Machu. (2-0) Min. 73: Vispo, en propia porta.
Campo: San Pedro. Uns 350 espectadores.