O ciclista de Vilagarcía Martín Rey logrou este sábado a medalla de bronce no Campionato de España Sub-23, rompendo así coa seca de podios da Selección Galega nesta competición desde que Serafín Martínez terminara terceiro no 2006.
Foi na localidade madrileña de San Lorenzo de El Escorial, onde Rey rematou os 160,8 quilómetros de percorrido final o excelente traballo colectivo realizado polo equipo durante todo o campionato.
Despois de que na véspera Alejandro Paz asinara a quinta praza na proba contra o reloxo sub-23, os galegos volveron brillar comandados por Manuel Rodríguez, Alejandro Paz e Miguel Rodríguez, que formaron parte dun grupo que rapidamente situou a súa vantaxe sobre o pelotón nos dous minutos.
As catro voltas ao circuíto longo seleccionaron algo a fuga, que quedou reducida a pouco máis de 20 integrantes; mentres que o pelotón reducía a diferenza a 1'25". Como apuntaban todas as previsións, a entrada nos dous xiros ao circuíto curto e as respectivas ascensións ao treito inicial do Alto de Abantos terminaron sendo os puntos nos que se resolveu a proba.
O primeiro paso polas ramplas de Abantos deixou en cabeza a once ciclistas, entre eles os galegos Alejandro Paz e Manuel Rodríguez. Dende o pelotón, Martín Rey saltou xunto a Hugo de la Calle (Asturias) e Pablo Carrascosa (Estremadura) coa intención de ir cazando os corredores intercalados e pensando en alcanzar a cabeza da carreira, acadando ese obxectivo dentro da última volta. A costa empedrada que conducía á liña de meta acabou exercendo de xuíza do campionato.
Hugo de la Calle foi o máis forte nesa última subida e impúxose cuns segundos de vantaxe sobre o segundo clasificado, César Pérez, e o terceiro, Martín Rey.
Tras a súa gran actuación, o vilagarcián recoñeceu que "foi unha carreira de moitas emocións. Cando se marchou esa escapada non pensei que ao final ía estar metido na pelexa pola vitoria. Estou contento co resultado".
Manuel Rodríguez finalizou no posto décimo sétimo e por parte da Selección de Galicia tamén completaron o percorrido Alejandro Paz (23º) e Iván Belmonte (32º). Hugo Calvo, Miguel Rodríguez, Iván Saborido e Ricardo Buba abandonaron logo de traballar a prol dos seus compañeiros.