O verán non só está para ir á praia, tamén para xogar ao baloncesto. Durante toda a xornada deste sábado, día 24 de agosto, a avenida Montero Ríos e a praza de España de Pontevedra convertéronse nunha enorme pista de básquet para acoller a XVIII edición do Torneo Urbano 3x3, organizado, un ano máis, polo Arxil.
Cada ano esta disciplina gaña máis adeptos e é por iso que a escuadra local, co obxectivo de dar aínda máis visibilidade a este deporte en Pontevedra, mobiliza a mozos e mozas de todas as idades para conseguir que este encontro sexa todo un éxito ano tras ano.
Nesta ocasión, foron un total de 80 equipos os que decidiron apuntarse á xa tradicional cita estival, 20 máis que o pasado ano e todos eles dispostos a gozar ao máximo da mesma. Tomaron parte catro grupo de categoría benxamín, seis minis, seis de infantil, 17 de cadete, 12 júnior e, finalmente, 35 sénior, dos cales 8 femininos.
Este ano, o ‘Street Basket’ contou cunha novidade e é que a cita tamén tivo unha parte xenerosa. Disputouse tamén durante o desenvolvemento da mesma a primeira das dúas fases previas do Concurso de Triplos Solidario, o Torneo EncestaRías, onde puido participar todo o que o desexou doando, por cada intento de tiro (tres como máximo por persoa) un quilo de alimentos non perecedoiros.
A actividade chegou ao seu fin ao redor das 20:00 horas co termo das finais sénior masculina e feminina e a posterior entrega dos trofeos.