O trofeo Luís Otero queda na casa tras a vitoria pola mínima do Pontevedra ante o Racing de Ferrol (1-0)

Pontevedra
24 de xullo 2019

Inicio en positivo para a pretempada granate, vencendo ao que se presume como un dos seus rivais directos na competición ligueira. Javi Pazos decidiu o choque cun gol no minuto 31

LX Trofeo Luis Otero entre Pontevedra e Racing de Ferrol
LX Trofeo Luis Otero entre Pontevedra e Racing de Ferrol / Diego Torrado

A pretempada empeza con bo pé para o Pontevedra Club de Fútbol, que este mércores impúxose ao Racing de Ferrol no LX Trofeo Luís Otero celebrado no Estadio Municipal de Pasarón.

Os pontevedreses, especialmente no primeiro acto, deixaron detalles positivos a pesar de chegar á cita aínda con pouca rodaxe. Luismi expuxo de inicio un esquema 4-2-3-1 e unha aliñación competitiva, na que aparecían tres caras novas como o centrocampista N' Diaye, o lateral zurdo Álvaro Naveira e Santi Figueroa, canteirán repescado tras un ano no Céltiga. Tamén o cadro departamental, que regresa á categoría de bronce, saltou ao campo cun once de nivel, no que sobresaían algúns das súas fichaxes como Álex López, Dani Abalo, Rodellar ou o ex-granate Bruno Rivada.

No inicio con todo a falta de ritmo foi a tónica dominante, con dous equipos que tentaban estar ben plantados no terreo de xogo pero con poucos alardes en tarefas ofensivas. Tras un aviso de Armental para o Racing en xogada individual, que terminou cun disparo afastado e desviado, só Álvaro Bustos era capaz de transcender á monotonía. O extremo asturiano mostrouse enchufado e con chispa no desborde. Das súas botas de feito chegou a primeira gran ocasión nunha xogada por banda dereita na que gañou a liña de fondo para poñer un bo balón a Javi Pazos que nunha posición inmellorable atopouse coa intervención de Chema para salvar o gol sobre a liña.

O Pontevedra foi crecendo neses minutos ata que obtivo premio pasada a media hora de xogo co 1-0. Álex Fernández atopou entre liñas a Romay, que avanzou ata a frontal e abriu cara á subida de Naveira. O lateral, na súa estrea en Pasarón, puxo un bo centro que rozou Álex González e que remachou no segundo pau Javi Pazos.

Despois duns minutos con algo de acción, o gol supuxo de novo unha baixada no ritmo, destacando ata o descanso o susto do racinguista Armental, ao danarse o xeonllo esquerdo, e un balón solto que Pazos case converte no 2-0.

Tras o intermedio chegou o carrusel de cambios en ambos os dous equipos, dando paso a unha segunda unidade que no caso do Pontevedra estaba infestada de canteiráns con Garrido, Antón, Guisande, Rivera e Pablo López. 

O banco deu outro aire aos ferroláns, mentres que o cadro local non lograba saír con fluidez. Aínda así as ocasións brillaban pola súa ausencia. Avisou o Racing en dúas accións por banda dereita, pero sen atopar rematador, mentres que os granates gozaron en todo o segundo acto dunha única acción de perigo, nun centro de Pablo López que  Expósito rematou de cabeza fóra.

Nos últimos minutos, xa con pouco fútbol sobre o céspede, puido empatar o cadro visitante en dúas accións consecutivas, a primeira salvouna Brian, porteiro recentemente chegado a Pasarón na súa primeira intervención, e a continuación no córner posterior Pau Bosch atopouse co traveseiro tras un bo remate coa testa.

Ao final, vitoria pola mínima do Pontevedra, que queda co seu trofeo e o primeiro combate ante o que se presume un rival directo na liga, claro que na competición oficial será outro cantar.

PONTEVEDRA CF (1): Edu, Santi Figueroa, Naveira, Churre, Campillo, N'Diaye, Álex González, Álex Fernández, Javi Pazos, Romay, Álvaro Bustos. Tamén xogaron: Brian, Berrocal, Garrido, Antón, Guisande, Rivera, Expósito, Mouriño, Nacho López, Pablo López.

RACING CLUB DE FERROL (0): Chema, Seoane, Villarejo, Fornos, Bruno, Rodellar, Armental, Fer Beltrán, Joselu, Álex López, Dani Abalo. Tamén xogaron: Rivas, Pau Bosch, Diego Garrido, Borja Hernández, Tabares, Pita, Luis Rodríguez, Marcos Álvarez, Juan Antonio, Javi Sanmartín.

Árbitros: Alberto Gómez Lameiro, auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez Martínez e Alberto Quintáns Domínguez. Amoestou a Álex López no Racing de Ferrol.

Goles: 1-0 Javi Pazos (min.31). 

Incidencias: LX Trofeo Luis Otero disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante ao redor de 650 espectadores.