O Tríatlon Rías Baixas inicia a tempada cun quinto posto no nacional de Longa Distancia

Pontevedra
11 de maio 2022

O triatleta Manuel Piñeiro foi o gañador na categoría de grupos de idade de 30 a 34 anos e o seu compañeiro de equipo Rubén Ortiz, terceiro na categoría de 45 a 49 anos  

Presentación do Tríatlon PC Rías Baixas
Presentación do Tríatlon PC Rías Baixas / PontevedraViva

A nova tempada de tríatlon xa está en marcha e o club Tríatlon Rías Baixas comezou cun quinto posto no Campionato de España de Longa Distancia celebrado na localidade de Platja d'Aro, en Xirona.

Nun circuíto no que os participantes tiveron que completar unha distancia de 3.800 metros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e 42 quilómetros de carreira a pé; Manuel Piñeiro proclamouse campión estatal na categoría de grupos de idade de 30 a 34 anos. Ademais, o seu compañeiro de equipo Rubén Ortiz foi terceiro na categoría 45-49, nunha xornada na que Javier Pérez e Jonathan Mesa tamén contribuíron a situar ao equipo pontevedrés entre os mellores de España.

A vitoria foi para o Alusigma Peñota Dental de Portugalete.

A actividade non cesa para o Tríatlon Rías Baixas, que participará esta fin de semana en Pamplona no Campionato de España de Media Distancia cunha aliñación composta por Agustín Ríos, Dani Rodríguez, Antonio  Sanmiguel, Juan Pazos, Sergio  Hermelo e Borja Pernas.