O triatleta Antonio Serrat inicia este domingo en Yokohama a defensa do liderado das series mundiais

Pontevedra
12 de maio 2022

O deportista que adestra a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva fíxose co primeiro posto do campionato do mundo tras a disputa das dúas primeiras xornadas das series mundiais en Hamburgo e Abu Dhabi disputadas a finais do 2021

Antonio Serrat, triatleta
Antonio Serrat, triatleta / ITU

As series mundiais de tríatlon regresan esta fin de semana coa disputa da terceira proba na cidade xaponesa de Yokohama. Trátase do primeiro evento do ano, posto que as dúas primeiras xornadas (Hamburgo e Abu Dhabi) celebráronse no último trimestre do 2021.

Dúas probas nas que o triatleta afincado en Pontevedra Antonio Serrat logrou conquistar o primeiro posto para iniciar o novo ano en disposición de defender o liderado da competición de tríatlon máis prestixiosa do mundo. En ambas as dúas carreiras, Serrat mostrou unha grande regularidade ao rematar en quinta posición, suficientes para ascender ata o primeiro posto do ránking

Non será unha misión sinxela para o deportista chamado a tomar a remuda do pentacampión mundial Javier Gómez Noya. Sobre todo porque en Yokohama, despois dun ano marcado pola covid-19, xa estarán a competir pola vitoria os mellores triatletas do mundo.  "Ten que defender ese primeiro posto que é o complicado. Pero Antonio ten experiencia e coñece aos rivais, ten o nivel para estar ahí pelexando cos mellores ao final do ano por un posto no podium dos mundiais que sería un grande éxito", declarou Gómez Noya na Televisión de Galicia. 

No mesmo espazo e desde a piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, a súa base de adestramento desde fai máis dun ano, Serrat móstrase esperanzado ante este novo reto. "O obxectivo é estar en carreira e verme competitivo", proponse. Aínda así é coñecedor de que "vai ser un ano longo, moitos triatletas de grande nivel iniciaon agora o mundial. O que quero é disfrutar do momento e a ver ata onde podemos chegar. Non me poño ningún obxectivo", matizou o líder das series mundiais.

O primeiro test está fixado para esta fin de semana, 14 e 15 de maio, en Xapón. Unha cita que pode marcar un antes e un despois nas aspiracións de Antonio Serrat.