O novo proxecto deportivo do Club Cisne Balonmán preséntase este venres 18 de agosto ante a súa afección no Torneo Peregrina, que se disputará no Pavillón Municipal dos Deportes.
Na cita, en formato de triangular con partidos de 40 minutos de duración, estarán presentes ademais do equipo pontevedrés o Ademar León da Liga Asobal e o Unión Financiera Oviedo de División de Honra Prata.
"É un cartel súper atractivo para que a xente poida achegarse ao pavillón", asegurou na presentación do triangular o presidente do Cisne, Santiago Picallo.
O torneo dará comezo ás 19.00 horas da tarde co choque entre o Cisne e o Oviedo, ás 20.00 horas será quenda para o duelo entre Ademar e Oviedo e pechará a programación ás 21.00 horas o enfrontamento entre Cisne e Ademar.
A entrada para o público fixouse en 5 euros, de balde para os menores de 18 anos.