O Torneo Internacional Ramón Escudeiro Tilve de xadrez retoma a súa versión presencial en Ciencias da Educación

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

A competición, que tras a irrupción da pandemia pasou a celebrarse de maneira virtual, regresará o vindeiro sábado 14 de xaneiro á súa versión presencial con participación de varios mestres internacionais

VIII Memorial Ramón Escudeiro Tilve
VIII Memorial Ramón Escudeiro Tilve / PontevedraViva

Con cambio de data pero con volta á absoluta normalidade. Así se presenta o XI Torneo Internacional Ramón Escudeiro Tilve organizado pola Escola Xadrez Pontevedra e a Universidade de Vigo.

Tras celebrarse de maneira virtual nos últimos anos debido á pandemia, chegando a crecer ata os 454 deportistas de 35 nacionalidades, a competición terá lugar o vindeiro sábado 14 de xaneiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Trátase dun torneo de xadrez rápido que reunirá a varios mestres internacionais, estando confirmada a presenza da mestra internacional peruana Karen Zapata e os mestres FIDE galegos Xulio do Prado, David García, Samuel Villar e Rubén Fernández.

A pesar de ser unha competición oficial, na que participan xadrecistas profesionais, o perfil maioritario segundo explica a organización é o amateur, o que fai que o compoñente social sexa un factor relevante para un memorial que disputan xadrecistas de todas as idades.

O torneo repartirá un total de 1.300 euros en premios.