O Torneo Internacional Júnior de tenis de Pontevedra chega a cuartos de final

Pontevedra
12 de outubro 2018

Os recentes resultados mostran que se cumpren os prognósticos do público da competición no grupo masculino, pero non no feminino, no que varias tenistas están a dar grandes sorpresas

Un dos participantes no ITF durante os partidos de cuartos
Un dos participantes no ITF durante os partidos de cuartos / Mercantil Pontevedra

A sétima edición do Torneo Internacional Júnior de tenis, que se está a celebrar estes días no Parque Polideportivo do Mercantil Pontevedra, chega aos partidos de cuartos de final. Agora, só quedan os oito mellores deportistas nesta disciplina das categorías masculina e feminina, que xogarán este domingo día 14 as dúas finais da competición.

Pola súa banda, ao longo da semana, todos os tenistas participantes na cita deportiva, procedentes de diferentes partes do mundo, demostraron que chegaron a Pontevedra coa intención de dalo todo nas pistas e ofrecer aos visitantes o mellor tenis júnior mundial.

No referente aos últimos duelos, na categoría feminina a francesa Alice Tubello gañou á suíza Nina Geissler (7-5, 6-4), que foi a gran protagonista da primeira fase do torneo na que derrotou á cabeza de serie Marta Custic, sorprendendo a todos e rompendo cos prognósticos da competición. Polo tanto, a francesa terá que enfrontarse á rusa Alina Charaeva nas semifinais.

Pola súa banda, a alemá Eva Lys tivo un bo día e fixo un gran partido no que derrotou á rusa Ekaterina Vinnik (6-2, 6-4). A xermana medirase na seguinte rolda ante a sueca Caijsa Hennermann, que gañou nun gran duelo, vistoso á vez que igualado, ante a británica Armarni Banks (6-4, 4-6, 6-3).

O último cuarto protagonizárono a rusa María Shusharina, unha das grandes revelacións do torneo, e a segunda cabeza de serie da competición, a alemá Alexandra Vecic. Foron ao redor de catro horas de partido, pero, finalmente, a rusa celebrou a vitoria no duelo máis igualado da cita (5-7, 7-6, 7-5).

Doutra banda, no grupo masculino, a diferenza do anterior, si se cumpriron os prognósticos no referente aos resultados. O británico Jacob Fearnley coñeceu ao seu rival despois da vitoria ante o suízo Dominic Stricker, o español Javier Cueto. Con todo, este último non conseguiu impoñerse a Fearnley, finalizando o duelo cun axustado 7-5, 6-4.

Pola súa banda, o burgalés Alejandro García, cabeza de serie número uno da fase previa, está a facer unha gran competición. Chegou a cuartos de final coa vitoria ante o marroquí Younes Lalami (6-0, 6-1). O seu rival na próxima rolda será Nicholas Ionel.

Así mesmo, británico Harry Wendelken, ao que o público do Mercantil de Pontevedra ve como un dos candidatos a levar o título de campión, gañou ao alemán Max Wiskandt (6-7, 6-2, 6-2).

Finalmente, o último partido de cuartos é do holandés Lodewijk Westrate, gañador de Flavio Cobolli por un dobre 6-1, e do español Carlos Gimeno. Polo tanto, con dous españois nas roldas finais do torneo no grupo masculino, aínda é posible que un deles alce o trofeo do sétimo Torneo Internacional Júnior de tenis.