O torneo internacional de tenis de mesa atrae a 300 xogadores á cidade

Pontevedra
11 de setembro 2019

O club de Monte Porreiro organiza o sábado e domingo en Príncipe Felipe a vixésimo primeira edición do seu tradicional campionato estival, que este ano bate récords de participación

Presentación XXI Torneo Internacional Tenis de Mesa
Presentación XXI Torneo Internacional Tenis de Mesa / PontevedraViva

Máis de 300 xogadores de tenis de mesa daranse cita esta fin de semana en Pontevedra. O TM Monte Porreiro organiza o sábado e domingo nas instalacións deportivas de Príncipe Felipe a vixésimo primeira edición do Torneo Internacional de Verán, no que participarán xogadores desde categoría prebenjamín ata, por primeira vez nas máis de dúas décadas de historia, veteranos.

"Este torneo bate récords de inscrición", dixo o presidente do equipo pontevedrés, Emilio Álvarez, durante a presentación do campionato que tivo lugar este mércores no Concello de Pontevedra. O campionato dividirase en dúas xornadas. Na do sábado, a máis numerosa, participarán 191 xogadores repartidos en 18 mesas entre as 9.30 e as 20.30 horas. En xogo estará o título das categorías inferiores e veterano.

Ao día seguinte terá lugar a disputa das competicións absoluta, con 104 xogadores de máis dunha vintena de clubs; e a de afeccionados, na que por motivos organizativos houbo que limitar a inscrición a 15 xogadores. Os partidos empezarán á primeira hora da mañá e a entrega de trofeos está prevista para as 19.00 horas.

"É o mellor torneo de pretemporada de Galicia", asegurou o director deportivo do club, Fernando Álvarez. Ademais da organización deste campionato, a escuadra de Monte Porreiro colabora nun proxecto autonómico bautizado como O Camiño do Tenis de Mesa. Baixo o paraugas do Xacobeo, os equipos galegos organizarán diversas exhibicións en lugares emblemáticos do Camiño de Santiago. No caso de Pontevedra, estes actos terán lugar nos albergues.

"Cando se chega a 21 edicións e crécese ano tras ano, é que algo se está facendo ben", encomiou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen destacou a aposta do club polo fomento do deporte de base.