O Teucro vence o Zamora para manterse nos postos altos da clasificación (29-27)

Pontevedra
12 de outubro 2019

O Teucro logrou este sábado, no Pavillón Municipal de Pontevedra, unha nova vitoria á conta dun Zamora que non conseguiu poñerse por diante no marcador en ningún momento do encontro

Partido entre Teucro e Zamora no Pavillón Municipal
Partido entre Teucro e Zamora no Pavillón Municipal / Diego Torrado

O Teucro logrou este sábado, no Pavillón Municipal de Pontevedra, unha nova vitoria á conta dun Zamora que non conseguiu poñerse por diante no marcador en ningún momento do encontro. Coa suma destes dous novos puntos, os de Luís Montes continúan nos postos altos da clasificación.

Durante os primeiros minutos de encontro a igualdade estivo presente pero, a partir do minuto 7, o Teucro empezou a distanciarse no marcador ata lograr unha diferenza de catro goles ante o seu rival (9-5). Foi entón cando os locais durmíronse nos loureiros e o Zamora aproveitou para recortar distancias e púxose a tan só un tanto do Teucro (9-8). A reacción dos de Luís Montes regresou con Cisneros como claro protagonista que, con dous tantos, devolveu a diferenza de tres ao partido (11-8). 

Co Zamora buscando recortar distancias e a falta dun minuto para terminase a primeira metade, o empate chegou (13-13) pero un gol de Nikola Perotic puxo o 14-13 co que se alcanzou o ecuador do partido.

A segunda parte mantivo a tónica de igualdade con momentos nos que o Teucro recuperaba a renda de dúas para novamente permitir a reacción visitante coa que reducían distancias (21-20).

Esa diferenza pouco duroulle ao Zamora, que viu como os de Pontevedra volvían mandar no marcador grazas a dous tantos dun poderoso Gabriel Moyano (5 goles)

Co 25-21 no luminoso, o Teucro volveu baixar os brazos e fallou ata catro ataques seguidos permitindo, de novo, a reacción do cadro visitante que lograba empatar o partido a falta de 4 minutos para que soase a bucina (26-26).

Finalmente, os locais souberon reaccionar e lograron distanciarse para poñer o 29-27 final no electrónico.

Consulta a acta do Teucro-Zamora na seguinte ligazón.