O Teucro tinguiu Pontevedra de azul este martes. O equipo que dirixe Luís Montes empezou a xornada cunha sesión de partidos na rúa na que convidaron a participar a todos os nenos e nenas que pasaron pola Avenida de Montero Ríos e a pecharon cun baño de masas na céntrica praza coa que o principal club de balonmán da cidade comparte nome.
O acto da Praza do Teucro comezou coa actuación do cantautor local Jacobo Sáinz. Despois dun concerto que durou vinte minutos chegou o prato forte do evento. Un a un, os xogadores do primeiro plantel foron desfilando entre os máis de douscentos afeccionados que se congregaron no lugar para coñecer aos heroes que deben conducir ao equipo azul de volta á elite do balonmán nacional.
Entre aplausos foron aparecendo todos os integrantes do primeiro persoal e do corpo técnico. Só faltou Bujalance, cuxos problemas de saúde impedíronlle participar nesta festa.
Con todos os xogadores sobre o escenario chegou a quenda dos discursos. Os capitáns do equipo foron os primeiros en tomar a palabra. Vicente Poveda agradeceu a presenza dos afeccionados no evento e recoñeceu que "é un orgullo ser capitán". Sobre a responsabilidade que supón vestir a elástica azul, dixo que "todos somos conscientes do que é lucir este escudo. O equipo vai deixar todo na pista", prometeu, non sen pedir "o apoio incondicional nos bos e malos momentos".
Samu Pereiro, segundo capitán da escuadra lerezana, tamén agarrou o micrófono. "Cheguei fai tres anos de Porriño sen saber nada de balonmán, non sei ata onde chegarei, pero o persoal vai deixar a pel na pista", insitió. A celebración do 75 aniversario do club "é un aliciente máis para deixarse todo na pista. Será un ano de vitorias. Teño ganas de vervos no Municipal e traede aos vosos amigos", arengó un dos líderes do vestiario.
Antes de escoitar ao adestrador Luís Montes, tomou a palabra uno dos empregados máis antigos do equipo teucrista. O delegado Javier Domínguez botou en falta a presenza dalgunha autoridade local máis no acto. "Sinto pena de que non estea aqui o alcalde", admitiu xusto antes de dar a benvida ás novas fichaxes e prometerlles que os fará sentir como na casa.
"É un orgullo ser o adestrador dun club ao que cheguei con once anos", comezou Luís Montes, que decidiu pronunciar o seu discurso no idioma da terra que o Teucro leva 75 anos abanderando por canchas de toda España. "É un ano moi especial para nós, queremos que sexa unha tempana inesquecible, somos vos vicedecanos do balonmán español e uns dous clubs máis grandes deste país", exclamou. Co público no seu peto, o técnico tratou de rebaixar a euforia. "Será unha liga moi dura, teremos momentos de moita loita, pero será un ano moi especial", rematou o preparador.
O acto concluíu coa interpretación dun novo tema por parte de Jacobo Sáins, pero antes tivo lugar unha breve alocución do presidente da entidade teucrista. Carlos García Alén lembrou a importancia que ten o club na cultura deportiva de Pontevedra e o duro e bonito que é formar parte da súa historia. Despois de pedir un esforzo aos seus xogadores para obrar a fazaña do regreso a Asobal.
Non foi a súa única petición. O mandatario tirou de sentimentalismo e pediulles un esforzo extra. "Temos que superar a primeira rolda da Copa do Rey", reclamou García Alén. Non é unha solicitude calquera. O equipo azul medirase en primeira rolda ao outro equipo da cidade, o Cisne, coa disputa do liderado do balonmán pontevedrés en xogo. Os azuis cumpren 75 anos de absoluto liderado e non pensan cedelo sen loitar.