Cinco de cinco para a Sociedad Deportiva Teucro, que segue invicta esta tempada tras superar ao Porriño para continuar líder da clasificación.
Empezou o partido como quixo o equipo de Irene Vilaboa, liderando o marcador cun cómodo parcial de 1-5 aos 13 minutos de xogo a pesar das numerosas imprecisións para portería por parte de ambos os conxuntos.
Continuou o conxunto azul abrindo a brecha en ata cinco goles, momento no que o técnico local aproveitou para parar o cronómetro e tentar reverter a situación. Con todo, o Teucro estaba cómodo e non tiña fisuras en defensa polas que puidese facer dano ao seu opoñente para así manter esa cómoda renda cando se alcanzou o descanso (8-13).
Apertou o resultado o Porriño nada máis saír dos vestiarios, pero nun visto e non visto, o equipo de Lérez liderado por Dani Vicente, Martín González e Rhuan Marchette dobregou á defensa rival e logrou a máxima diferenza ata o momento (13-19).
Unha vez máis parou o cronómetro o adestrador local, pero o Teucro soubo conservar a vantaxe para facerse co triunfo final. Si é verdade que o cadro vigués chegou a reducir distancias en ata dous goles a falta de dous minutos para a conclusión, pero en tres rápidos ataques o equipo de Irene Vilaboa abriu de novo a brecha para facer o 25-30 final.
Consulta as estatísticas nesta ligazón