A bo ritmo avanza a campaña de socios do Condes de Albarei Teucro a poucos días de que afronte o seu primeiro partido na casa da tempada, coa visita do Balonmano Guadalajara (sábado, 20:30 horas), ao pavillón Municipal dos Deportes.
Ata o momento foron xa máis de 800 os abonados que retiraron o seu carné, pero no club pontevedrés esperan que o incremento habitual antes de debutar na casa faga subir esa cifra ata o milleiro de socios.
"De momento estamos moi contentos, sabemos que o obxectivo de 2.000 socios é moi ambicioso pero seguimos traballando para achegarnos o máximo posible. Estamos a percibir que moita xente que non fora socio nas últimas tempadas está a achegarse ás nosas oficinas e iso é unha gran noticia", recoñece o presidente teucrista, Carlos García-Alén.
A pasada campaña o Teucro chegou á cifra de 1.200 abonados, barreira que esperan superar na súa volta á máxima categoría do balonmán nacional.
En canto ao número de socios protectores, chegaron á cifra de 45 altas, achegándose así á metade da meta proposta, o cento de empresas que decidan apoiar con esta fórmula ao club.