O Teucro recupera efectivos coa eliminación de Arxentina no Mundial

Pontevedra
18 de xaneiro 2019

A caída do combinado arxentino, que ata o domingo debe aínda xogar por determinar os postos do 17 ao 20 no Mundial, adiantará o regreso de Guillermo Fischer e  Andrés Moyano á disciplina teucrista

Guillermo Fischer (número 18), durante o Mundial de balonmán
Guillermo Fischer (número 18), durante o Mundial de balonmán

Acabou o soño da Selección Arxentina de balonmán de avanzar á segunda fase do Campionato do Mundo, obxectivo que se marcou o combinado dirixido por Manolo Cadenas e que contaba cun xogador teucrista nas súas filas, Guillermo Fischer.

A albiceleste, que en xornadas previas empatara ante Hungría e gañara a Angola, con derrotas ante Exipto e Suecia, necesitaba vencer a Qatar na última xornada para clasificarse, e cedeu por 26 goles a 25.

Desta forma, Arxentina concluirá esta mesma fin de semana a súa participación no Campionato do Mundo de Alemaña e Dinamarca, disputando os partidos que definirán a clasificación do 17º ao 20º, primeiro ante Austria e o domingo no caso de gañar contra o vencedor do Serbia-Barhein.

Fischer, a pesar de non ser un dos xogadores máis utilizados por Manolo Cadenas, si contou con minutos nos diferentes encontros do torneo internacional sumando unha importante experiencia.

Agora coa eliminación o lateral, xunto ao seu compañeiro no Teucro Andrés Moyano que se atopaba na concentración arxentina como reserva, incorporarase á minipretempada dos pontevedreses.

Luís Montes recupera así efectivos para preparar da mellor maneira posible a segunda volta da competición na Liga Asobal, unha fase de preparación que conta cun partido amigable programado, o 26 de xaneiro en Lugo ante o Ademar de León.