O Teucro quenta o seu debut en liga cun día azul na cidade

Pontevedra
09 de setembro 2019

O club organiza este martes unha sesión de partidos na rúa para menores e ás 20 horas, a presentación oficial do primeiro equipo na Praza do Teucro

O presidente do Teucro, Carlos García Alén, e o director técnico da base, Milucho Pintos, presentan o día azul
O presidente do Teucro, Carlos García Alén, e o director técnico da base, Milucho Pintos, presentan o día azul / PontevedraViva

O Teucro conta os días para o inicio da tempada. Para quentar o debut, que será este sabado en Málaga, e enganchar á afección, o club ten deseñado para este martes o seu particular día azul. Unha xornada cargada de actos que ten como obxectivo dar o último empuxón á campaña de socios, captar novos valores para a base e presentar en sociedade aos xogadores do primeiro plantel.

"Imos facer un día azul, desde a mañá ata a noite", declarou este luns o presidente do Teucro, Carlos García Alén. As actividades comezarán ás 10.30 horas no paseo de Montero Ríos cunha sesión de partidos de balonmán na rúa aberta a todos aqueles menores que queiran achegarse a probar este deporte. "Queremos que os nenos vexan practicar balonmán na cidade e que veñan facelo connosco", dixo o director técnico da base, Milucho Pintos.

Ata as 13 horas, pasarán por este paseo varios xogadores do primeiro equipo do Teucro para compartir uns minutos de xogo cos asistentes. Ademais, o club instalará alí unha carpa para tramitar altas de novos socios e dar información sobre o funcionamento da súa escola deportiva. Así mesmo, cada un dos participantes recibirá unha camiseta de agasallo.

Non é o único acto previsto para a xornada do martes, na Praza do Teucro ás 20 horas terá lugar a presentación oficial do primeiro equipo nunha festa na que tampouco faltará a música en directo.

O obxectivo do club para esta tempada é competir polo regreso a Asobal. "O próximo ano celebramos o 75 aniversario, queremos que a cidade senta máis azul que nunca, sería bonito celebralo co ascenso", admitiu o presidente da entidade, que xa ten preparado todo un calendario de eventos conmemorativos a partir do 1 de xaneiro.