O Teucro presenta unha camiseta morada para reivindicar a súa tradición feminista

Pontevedra
09 de marzo 2022

A iniciativa está enmarcada nunha campaña de visibilidade da estrutura feminina da entidade e na homenaxe ás xogadoras que forman parte da historia do balonmán en Pontevedra

O Teucro presenta no Concello de Pontevedra unha camiseta morada polo 8M
O Teucro presenta no Concello de Pontevedra unha camiseta morada polo 8M / Mónica Patxot

A Sociedade Deportiva Teucro presentou este mércores unha camiseta especial. O club cambia o azul da súa equipación pola cor morada para render homenaxe a todas as xogadoras de balonmán que defenderon as cores teucristas ou xogaron en equipos de Pontevedra.

"É unha camiseta simbólica que fai referencia ás mulleres do balonmán feminino en Pontevedra", explicou Laura del Castillo, responsable de comunicación da entidade azul.

Ademais de celebrar o Día Internacional da Muller, o obxectivo desta iniciativa é servir de apoio e estímulo á cada vez máis ampla nómina de xogadoras que forman parte das categorías inferiores do Teucro. "Queremos que teñan referencias na súa cidade e en Galicia", explicou Del Castillo.

A campaña non se limita só á presentación dunha camiseta, o club está a preparar un amplo programa de actividades nas que históricas xogadoras de equipos da cidade serán protagonistas e contarán a súa experiencia e as dificultades que tiveron que superar para practicar o seu deporte ás novas xeracións de xogadoras de balonmán.

Polo momento, a camiseta non poderá estrearse en competición oficial porque a Federación debe aprobala previamente. Desde o Teucro tratarán de instaurala como o terceira equipación oficial para todas as categorías do club. Ademais, nos próximos días poñerase á venda ao prezo de 20 euros para as pezas personalizadas, ou 17 euros sen personalizar.

Así mesmo, este sábado coincidindo co primeiro partido da fase pola permanencia de División de Honra Prata Masculina do Teucro terá lugar unha homenaxe a toda a base do club no que a estrutura feminina será protagonista.

Sobre esta iniciativa pronunciouse o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, quen participou tamén na presentación da camiseta. "Que un equipo como o Teucro aposte polo feminismo é unha moi boa nova", declarou o socialista poñendo en valor a repercusión que ten na sociedade as mensaxes de clubs históricos e con tantos seguidores como o Teucro.

Non é a primeira vez que o vicedecano do balonmán español acapara titulares polo seu compromiso co feminismo. A súa adestradora, Irene Vilaboa é a primeira e por agora única muller que dirixe un equipò masculino nas dúas principais categorías do balonmán español. Con todo, a preparadora foxe do protagonismo que lle confire esta situación e prefire vivilo con normalidade. "Eu non teño que traballar máis para demostrar nada", asegura.

En cambio, si que quixo poñer como exemplo de loita ás muejeres da súa familia. "Hai que botar a vista atrás, eu sempre me inspiro na miña nai, a miña avoa ou a miña bisavoa, que estivo soa e conseguiu moito", destacou a adestradora.