Serán seis as caras novas coas que conte o Teucro no seu primeiro equipo para a tempada a punto de comezar. Dous delas procedentes da canteira e catro incorporacións que chegan para manter e incrementar a filosofía do club de incrementar a aposta por "gente joven y gallega" como indicou o presidente da entidade, Carlos García Alén, nun sinxelo acto realizado no Pavillón Municipal dos Deportes, no que se presentaron esas novas incorporacións.
David García Pichel, lateral esquerdo, procedente do filial do Ademar León, Víctor Rodríguez, lateral esquerdo, que chega dende o Seis do Nadal, Marcos Dourado pivote do Lavadores, e Daniel Pereira, porteiro da S.A.R. de Redondela, aos que se unen o lateral Carlos Pombo, que xa o pasado ano disputou partidos co primeiro equipo teucrista, e o extremo Iván Fernández, tamén formado nas categoría inferiores do club, despois de pasar por Cisne e Poio. Son os seis xogadores que se suman aos xogadores co que traballará un Javier Barrios que estivo a presenciar o acto, como querendo dar a benvida aos seus novos discípulos.
Entre eles rexistrouse a ausencia de David García, debido a que se encontra preparando coa selección española xuvenil o Mundial da categoría, que comeza o 9 de agosto en Hungría. Un xogador no que hai postas moitas esperanzas, xa que Javier Barrios pretende adaptalo á posición de central, para levar a dirección de xogo do equipo, xunto con David Chapela, tras a baixa de Didac Villar.
Precisamente David Chapela, xunto co mesmo David García, serán as dúas ausencias no comezo dos adestramentos, que está previsto para o próximo día 5 de agosto, xa que Javier Barrios lle concedeu unha semana máis de vacacións que aos seus compañeiros, ao ter disputado o Mundial júnior con España, no que conseguiu a medalla de prata.
O presidente teucrista comezou o acto felicitando a David Chapela polo éxito conseguido, e manifestando logo a súa confianza no traballo de Javier Barrios e do equipo que se conseguira reunir: "Intentaremos estar lo más arriba posible en la clasificación -dijo-. Nuestro reto en lo social es incrementar el número de socios y en lo deportivo transmitir la misma ilusión con la que finalizamos la pasada temporada. Vamos a ir con los pies en el suelo, pero sin renunciar a nada".