O Teucro presenta a Irene Vilaboa: "Non a contratamos por ser muller, contratámola pola súa valía"

Pontevedra
11 de xuño 2020

O club pontevedrés asegura que "nos sorprendeu moitísimo a repercusión que tivo" a súa contratación como adestradora do equipo de División de Honra Prata. Vilaboa, na súa primeira comparecencia no cargo, explica que o seu reto é "chegar a tempo para instaurar un estilo de xogo" antes de que comece a tempada

Irene y Rosa Vilaboa na presentación da adestradora do Teucro
Irene y Rosa Vilaboa na presentación da adestradora do Teucro / Mónica Patxot

Na Sociedad Deportiva Teucro "sorprendeunos moitísimo a repercusión que tivo" a contratación de Irene Vilaboa como responsable do equipo de División de Honra Prata, ao ser a primeira muller que ocupa este cargo nas dúas principais categorías nacionais masculinas.

Así o asegurou na presentación oficial da adestradora Jose Ameijeiras, representante da xunta xestora, antes de explicar que "non contratamos a Irene por ser muller, contratámola pola súa valía".

A preparadora viguesa, acompañada da súa irmá Rosa que exercerá de axudante e apoiada polo propio Ameijeiras e o director deportivo Milucho Pintos, reiterou na súa primeira comparecencia pública o declarado tras facerse oficial a súa fichaxe, que non se ve como un exemplo e si simplemente como "unha adestradora de balonmán".

"Eu non son noticia para nada. Non me gusta a repercusión polo que é, porque eu non entendo que unha muller teña que ir abrindo portas", defendeu Vilaboa, para quen "adestradoras de balonmán hai moitas aínda que quizais máis na base que na elite", ante as reticencias de moitos dirixentes.

A nivel estritamente deportivo, a nova adestradora do vicedecano do balonmán nacional explicou que o seu principal reto "é chegar a tempo para instaurar un estilo de xogo" antes de que comece a tempada e co que "sexamos capaces de manter a categoría nunha liga tan esixente como a División de Honra Prata".

Nese aspecto, sobre as súas intencións, Irene Vilaboa declarou que "sempre me gustou un estilo de xogo rápido. A partir da defensa montar un equipo rápido e que sorprenda".

Non se lle escapa ademais a delicada situación económica coa que chega ao Teucro, pero "aínda que sexa complicada non creo que o sexa máis que a do resto dos equipos", defendeu.

REDUCIÓN ORZAMENTARIA

Precisamente a importante redución orzamentaria que prepara a xunta xestora teucrista estivo moi presente na presentación, celebrada no salón de actos do renovado edificio da Xunta en Benito Corbal. Así, Jose Ameijeiras recoñeceu que "vai ser un ano complicado tanto a nivel deportivo como económico".

Pola súa banda Milucho Pintos defendeu a elección de Irene Vilaboa sinalando que buscaban a alguén que "entendese a idiosincrasia do club e as limitacións orzamentarias que imos ter".

Pintos explicou ademais que o obxectivo actual do Teucro "debe ser claramente a estabilidade" e para iso sinalou como punto importante "remodelar o que temos" e virar cara a un modelo no que "deberiamos nutrirnos de xogadores da canteira e de máis xogadores galegos".