O Teucro ponse en marcha con catorce xogadores e só catro caras coñecidas

Pontevedra
01 de agosto 2019

Os de Luís Montes iniciaron este xoves os adestramentos para preparar a súa tempada en División de Honra Prata co obxectivo de "facelo o mellor posible". Afrontarán varias semanas con dobres sesións de traballo que alternarán cun máximo de nove partidos amigables

Primeiro adestramento do Teucro 2019-2020
Primeiro adestramento do Teucro 2019-2020 / Mónica Patxot

A resaca do mundial júnior que asolagou de balonmán a cidade durante dúas semanas aínda está presente na cidade, pero os equipos teñen que poñerse xa en marcha para comezar a preparación da próxima tempada. É o caso do Teucro que comezou este xoves as sesións de adestramento co soño de regresar canto antes á máxima categoría do balonmán nacional, da que descendeu o pasado curso.

"O cambio vai ser grande", recoñeceu Luís Montes, que se mantén á fronte da escuadra teucrista. Coa intención de "facelo o mellor posible" pero sen marcarse obxectivos demasiado ambiciosos, o Teucro xogará esta tempada nunha categoría "extremadamente difícil e dura, hai equipos recentemente ascendidos con fichaxes de Asobal. O ano pasado houbo equipos que estaban a dúas xornadas do final pelexando pola fase de ascenso e salváronse na última xornada. Este ano non vai ser diferente", dixo o adestrador sobre as súas expectativas da próxima campaña.

No referente á confección do plantel, Montes confirmou que só catro xogadores do curso anterior seguirán vestindo a camiseta azul na seguinte tempada. "É a planificación habitual dun equipo que baixa de Asobal. No último descenso, fai tres anos, quedáronse cinco", lembra o técnico.

A pesar da profunda remodelación do plantel, o club ten practicamente pechado o grupo de xogadores para o novo curso. Montes ten á súa disposición para o inicio dos adestramentos a trece xogadores: Fran Bujalance, Eduardo Salazar, Diego Prada, Vicente Poveda, Cristopher Corneil, Samu Pereiro, Ferrán Cisneros, Andrés Moyano, Lucas Abadía, Jose Andrés Torres, Nemanja Bojicic, Marko Dzokic, Nikola Perovic e Federico Wermbter. Estes dous incorporaranse a próxima semana por problemas co seu visado. Ademais inician os adestramentos co primeiro equipo os canteiráns Roi Sierra, Diego Prada, Cristian Remeseiro, Andrés Martínez, Diego Martínez, Jacobo Río, David Rey e Raúl Nogueira.

Desde este xoves, os xogadores teucristas afrontarán unhas duras semanas de traballo con dobres sesións de adestramento, que alternarán con algún día de descanso e partidos de pretemporada. "Disputaremos 8 ou 9 amigables, en función da Copa Galicia", asegurou Montes.

Este martes a Federación Galega de Balonmán sorteou o calendario da Copa Galicia na que o Teucro quedou encadrado co Cañiza Seaplast. As datas non están aínda fixadas, pero a rolda de oitavos disputarase entre o 12 e o 16 de agosto na cancha do equipo de menor categoría. Os cuartos terán lugar entre o 19 e 23 de agosto e a Final Four o 31 de agosto e 1 de setembro.