O Teucro mantén 411.000 euros de patrimonio neto negativo e prepárase para "dous anos duros"

Pontevedra
17 de marzo 2022

A xunta xestora do club pontevedrés presentou este xoves en asemblea o estado das súas contas, sinalando como clave para o seu futuro inmediato asumir os dous últimos pagos da débeda concursal coa Axencia Tributaria e que supoñen un total de 119.000 euros

Asemblea de socios da Sociedad Deportiva Teucro
Asemblea de socios da Sociedad Deportiva Teucro

A Sociedad Deportiva Teucro celebrou este xoves unha asemblea de socios na que presentou o estado das súas contas ao 31 de xullo de 2021 (peche do último exercicio contable).

Ante unha decena de abonados, a xunta xestora teucrista recoñeceu que a entidade deportiva mantén un patrimonio neto negativo de 411.000 euros e avisou que "nos quedan dos años duros", sinalou o ex-presidente e membro da xunta Carlos García-Alén.

Esa afirmación débese aos dous últimos prazos de vencemento da débeda concursal coa Axencia Tibutaria, e que supoñen un total de 119.717,98 euros a pagar o 15 de abril deste ano (59.858,99 euros) e o 15 de abril de 2023 (outros 59.858,99 euros).

As cantidades de Facenda supoñen a práctica totalidade da débeda subordinada ao concurso de acredores que atravesa o Teucro desde hai anos (123.238,69 euros), pero neste apartado tamén figuras débedas con directivos e ex-directivos do club por valor de 178.000 euros, ademais de pagos pendentes de afrontar con acredores ordinarios que se aproximan aos 45.000 euros, segundo detallou de García- Alén.

Na asemblea tamén se presentaron as contas correspondentes ao pasado exercicio, a campaña 2020-2021, que se pechou cun déficit de 32.072,31 euros ao contabilizar uns ingresos de 172.587,52 euros (en lugar dos 252.000 euros previstos) e uns gastos de 204.659,83 euros. Neste sentido a covid fixo dano ao "no tener posibilidad de público en los partidos y que muchos socios no renovaron".

En concreto o Teucro tiña previstos ingresos próximos aos 50.000 euros pola súa campaña de socios e quedou en 17.935 euros. Tampouco entrou diñeiro por despachos de billetes cando había 12.000 euros previstos neste concepto. Ademais foi menor o concepto ingresado en materia de subvencións. Entre os custos cabe destacar que 142.426 euros corresponderon a gastos asociados equipo de División de Honra Prata, 42.954 euros euros para a base e o equipo feminino e 19.278 euros para a estrutura de club.

Por último a xunta xestora someteu a aprobación o orzamento para a tempada en curso, a 2021-2022, que prevé 195.000 euros tanto de ingresos como de gastos aínda que recoñecendo que esperan terminar lanzando superávit.

CALENDARIO ELECTORAL

Inmediatamente despois da xunta de socios ordinaria estaba convocada unha Asemblea Xeral Extraordinaria, na que se aprobou iniciar un proceso electoral á presidencia tras máis de dous anos coa xunta xestora á fronte, o tempo que transcorreu desde a dimisión de García-Alén.

Segundo o calendario aprobado a convocatoria de eleccións formalizarase o próximo 25 de marzo, data na que empezarán a contar os 20 días de prazo establecidos para a presentación de candidaturas, sendo necesario achegar o aval de polo menos o 10% dos socios teucristas.

Desta forma o 13 de abril pechará o prazo de presentación estando prevista unha asemblea xeral de socios para pechar o proceso o día 21 do mesmo mes.

Polo momento desde a actual xunta xestora aseguraron non ter constancia da intención de ningún socio de dar un paso á fronte e aspirar á presidencia do vicedecano do balonmán nacional.