O Teucro inicia unha campaña de financiamento para afrontar a segunda fase da liga

Pontevedra
25 de febreiro 2022

O obxectivo da Sociedad Deportiva Teucro é "dar un impulso substancial ao club e lograr que o primeiro equipo conte cunha serie de melloras loxísticas que lle permitan afrontar en condicións a segunda fase da División Honra Plata de balonmano"

Presentación da campaña de crowfunding da SD Teucro
Presentación da campaña de crowfunding da SD Teucro / PontevedraViva

A Sociedad Deportiva Teucro, co apoio do Concello de Pontevedra, quere dar visibilidade á entidade e fomentar o deporte e a saúde. Nesta ocasión, segundo explicaron este venres, o obxectivo é "dar un impulso substancial ao club e lograr que o primeiro equipo conte cunha serie de melloras loxísticas que lle permitan afrontar en condicións a segunda fase da División Honra Plata de balonmano".

Deste xeito, baixo o nome de '4 eixos, 2 planos', puxeron en marcha unha campaña de crowfunding coa que unir empresas, institucións e persoas nun proxecto común, que é avanzar con paso firme con toda a estrutura do club.

Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, lembrou na presentación que o Teucro é o "vicedecano do balonmán español e un club cunha profunda raíz nesta cidade, que respira todo tipo de deportes, pero sobre todo balonmán" polo que considera que os cidadáns "lle debemos dalgún xeito moitas alegrías que nos deu e debemos axudar a esta entidade nuns momentos que non son os mellores do mundo".

A iniciativa consistirá en realizar achegas económicas e a medida que as entidades e cidadáns colaboradores as fagan, irán sumando graos: 350 euros para o eixo 1 (historia e cidade), de 250 para o 2 (identidade e club), de 150 para o 3 (diversidade, empresas e institucións) e de 100 para o 4 (carácter, persoas e socios).

Esta captación estará activa ata as 12:00 horas do 31 de marzo e estará baseada nesas catro patas ou eixos que conforman a idiosincrasia do Teucro. A todos os participantes nesta campaña, os obsequiarán cunha serie de "privilexios" entre os que están incluídos anuncios nos flyers dos partidos, no streaming ou nas redes sociais da SD Teucro, fotos cos xogadores do primeiro equipo, obsequios especiais do club e pases para o que resta de tempada.

Pola súa banda, Irene Vilaboa, adestradora do Teucro, amosouse ilusionada con esta campaña e destacou que "o club está a pelexar en moitas facetas, non só na deportiva, na que nos imos deixar a pel até o final, senón tamén á hora de tomar as rendas nun proxecto de longo percorrido no que a cidade vai ter o protagonismo e co que pretendemos rearmarnos".

No ámbito deportivo, Vilaboa sinalou que estas axudas, nunha tempada tan complicada como a que están a vivir, serán un "impulso" para que os xogadores "poidan viaxar mellor e poidan competir como o resto de clubs".

Finalmente, a encargada de Comunicación e Márketing do club, Laura del Castillo, afirmou que o único obxectivo que ten o Teucro é "acadar a unión, xuntar os máximos recursos posibles e avanzar xuntos".

Na presentación da campaña realizada este venres no Concello acompañaron a Tino Fernández, Irene Vilaboa e a Laura del Castillo o voceiro da xestora Javier Domínguez e os xogadores do equipo primeiro equipo Joshua Rau, Miguel Sío, Martín Davila, Álex Pereiro e Alejandro Gómez.

Para obter máis información sobre este proxecto de crowdfunding poderá facerse a través desta ligazón.