O Teucro gaña o dereito a soñar co retorno a Asobal

Pontevedra
19 de marzo 2013

O triunfo ante o Adelma Sinfín permite aos azuis chegar ao parón da liga en praza de play-off con tres puntos de distancia sobre o seu último rival, ao que lle ten gañado o parcial, e catro sobre o Torrelavega con só oito puntos en xogo. Os pontevedreses non volverán xogar ata o 6 de abril

Non era o obxectivo da tempada, centrada na permanencia un ano máis na División de Honra Prata do balonmán nacional, pero a Sociedad Deportiva Teucro foi crecendo co paso das xornadas ata encontrarse nunha situación envexable ao chegar ao último parón da competición.

O equipo azul, despois do triunfo do sábado ante o Adelma Sinfín, consolidouse na sexta posición, praza que daría acceso a disputar o play-off de ascenso á Liga Asobal a final de tempada, con tres puntos de vantaxe sobre o seu último rival, ao que ten gañado o parcial, e catro sobre o Torrelavega.

Con só catro partidos e oito puntos en xogo, os encontros que os pontevedreses xogarán no Municipal poderían ser suficientes para asegurar a súa presenza na fase de ascenso.

A liga retómase o 6 de abril cun Ereintza-Teucro no País Vasco

O Teucro non volverá competir ata o día 6 de abril, data na que viaxará ao País Vasco para enfrontarse ao Ereintza, último clasificado e inmerso nunha apertada loita pola permanencia. Despois desta cita os azuis xogarán dous partidos consecutivos na casa para rematar a liga fora, tres encontros nos que se enfrontará aos tres equipos que lle preceden na clasificación e cos que se podería cruzar nun hipotético play-off. Serán respectivamente Bidasoa, quinto clasificado, Ángel Ximénez, terceiro, e Alcobendas, cuarto. Entre Ángel Ximénez e Juanfersa Gijón, cunha ampla vantaxe, disputaranse a praza de ascenso directo.