O Teucro e Luis Montes separan os seus camiños

Pontevedra
07 de maio 2020

A Xunta Xestora do conxunto pontevedrés e o adestrador acordaron de mutuo acordo non renovar o seu contrato para a próxima tempada despois de dúas campañas á fronte do primeiro equipo

Luis Montes no partido entre o Teucro e o Granollers no Municipal de Pontevedra
Luis Montes no partido entre o Teucro e o Granollers no Municipal de Pontevedra / Diego Torrado

Luís Montes deixa de ser adestrador do Teucro. A Xunta Xestora do conxunto pontevedrés fixo público este xoves a decisión de non renovar o contrato do adestrador pontevedrés que dirixiu ao primeiro plantel durante as dúas últimas tempadas, despois de estar vinculado ao vicedecano do balonmán español durante máis de oito anos como xogador, preparador e técnico da base. 

Preparador e directiva acordaron de mutuo acordo separar os seus camiños despois dunha irregular tempada en División de Honra Prata que acabou de forma prematura polo estalido da pandemia do coronavirus. "O club quere expresar o seu máximo agradecemento a Luís Montes, un adestrador que foi e é un valor para o club. Montes desprendeu teucrismo en todos os seus anos defendendo o noso escudo", recolle o comunicado do Teucro co que fixeron pública a marcha do técnico.

Pechan o escrito desexando a maior das sortes a Luís Montes no seu futuro e deixando claro que "sempre terá as portas abertas para formar parte da parcela deportiva" do conxunto pontevedrés. Agora a Xunta Xestora terá que poñerse mans á obra para atopar un novo adestrador para liderar un novo proxecto deportivo.

Pola súa banda, o técnico pontevedrés lamentou que as actuais circunstancias sanitarias impedisen realizar unha despedida clásica sobre a cancha ao finalizar a tempada. Para poñer punto e final a esta época no club dos seus amores, Montes quixo admitir que "os dous últimos foron anos difíciles en moitos aspectos", pero "tamén cheo de bos momentos", cos que queda para dicir ata logo a toda a familia teucrista.