Foi un ano duro para a Sociedad Deportiva Teucro, pero pódese dicir que despide este 2022 cun sorriso tras superar a Lavadores por 32-28 no último duelo antes do parón do Nadal.
Comezou o partido co Teucro mandando cun primeiro parcial de 4-1, reforzado por unha boa defensa que cedía tan só un gol en 10 minutos.
Reaccionou Lavadores, que logrou devolver a igualdade cun 0-3 pero sendo totalmente incapaz de dar a volta ao luminoso. Os de Irene Vilaboa seguiron dominando, ampliando por momentos unha distancia que enseguida era neutralizada polo cadro visitante, mandando o envite ao descanso nun 14-13.
Tras o receso ampliaron a renda os de Pontevedra en dous goles, favorecidos pola exclusión de Adrián Suárez que os deixaba en superioridade numérica.
Pero o Lavadores respondía, lonxe de tirar a toalla, e daba paso a uns compases cheos de igualdade con repartición de golpes en ambas as porterías (21-21).
Nese instante produciuse un punto de inflexión motivado por unha nova exclusión de Adrián Suárez, Sio anotaba e Diego Pérez erraba desde os sete metros, momento que aproveitou o Teucro para dobregar ao seu rival cos lanzamentos dun inspirado Xurxo Rivas (9 goles), que tomaba as rendas do partido (26-21).
Alcanzou o duelo os seus últimos 10 minutos e o Teucro soubo xogar ben as súas cartas, empregándose a fondo en defensa e acertando para gol para pechar o ano cun triunfo por 32-28