O Teucro asegura dous valiosos puntos nun final de infarto contra o Luceros (29-28)

Pontevedra
05 de outubro 2024

A Sociedad Deportiva Teucro volveu a sumar dous importantísimos puntos tras superar pola mínima ao Balonmano Luceros (29-28)  

Partido entre Teucro e Luceros no Municipal
Partido entre Teucro e Luceros no Municipal /

A Sociedad Deportiva Teucro volveu a sumar dous importantísimos puntos tras superar pola mínima ao Balonmano Luceros (29-28).

O Teucro sempre estivo por diante e atou o triunfo, aínda que con apuro. Aguantou coa portería a cero durante os tres primeiros minutos e entre Roi González e Gonçalo encargáronse de anotar o primeiro parcial de 2-0.

Pero o Luceros enseguida acendeuse e devolveu a igualdade, que se mantivo ata alcanzado o ecuador da primeira metade (8-8). Foi entón cando se produciu un punto de inflexión e o Teucro pasou a dominar con claridade, poñéndose tres goles arriba e obrigando ao técnico visitante a parar o cronómetro (11-8).

Tentaron os de Cangas reengancharse á pelexa, pero o equipo de Irene Vilaboa mantívose firme e mesmo ampliou a diferenza ao termo do primeiro acto (17-13).

Nada máis regresar á cancha tras o intermedio, Eloy Krook fixo o 18-13, pero nun visto e non visto o conxunto visitante repúxose, anotando un 1-5 que levou á adestradora local a pedir tempo morto (19-18).

Juan Rodríguez foise dous minutos ao banco e entre Andrés Pérez e Caue Herrera devolveron a renda ao Teucro aproveitando a superioridade numérica. Con todo, os azuis non conseguían atoparse cómodos do todo e despegarse do seu rival, que seguía insistindo xogada tras xogada para complicarlle as cousas a pesar de ir a remolque.

Cun resultado de 26-23 alcanzáronse o últimos dez minutos de xogo. Manu Rodríguez e Denis Iglesias apertaron o marcador (26-25) e Caue foi expulsado. Parou o tempo o técnico visitante, pero os de Lérez aguantaron en defensa para evitar o empate e Dani Pintus fixo o 27-25.

Todo podía pasar e, efectivamente, pasou. Martín Fuentes reduciu distancias e entre Caue e Pintus meteron a directa para o Teucro. Pediu tempo morto de novo o técnico visitante para apurar as últimas opcións dos seus e Manu Rodríguez transformou o ataque en gol (29-27).

Irene Vilaboa detivo tamén o cronómetro a menos de minuto e medio para a conclusión, pero os seus non conseguiron acertar, deixando ao Luceros aproveitar o que podía ser o último ataque do encontro. Manu Rodríguez anotou o 29-28, pero o Teucro aguantou, salvando un triunfo sobre a bucina que lle permite elevarse ao terceiro chanzo da clasificación.

Consulta as estatísticas nesta ligazón