A Sociedad Deportiva Teucro arrincou coa planificación da nova tempada en Primeira Nacional e esta semana confirmou as que son as primeiras renovacións e ausencias.
O conxunto azul fixo oficial que a adestradora Irene Vilaboa continuará defendendo o banco e dirixindo ao equipo, polo menos, por un ano máis.
Asumiu os mandos do Teucro no ano 2020 para substituír a Luís Montes e afrontará este 2022 a que será a súa terceira campaña no club e na que tentará devolvelo á categoría que se merece.
O que tamén se apunta ao reto de recuperar a praza en División de Honra é o extremo esquerdo Álex Sánchez, que chegou o verán pasado para reforzar o persoal.
Sánchez comezou a xogar ao balonmán nas filas do Balonmán Chapela, foi un habitual nas listas de concentración da Selección Galega e participou en tres fases de ascenso, unha de categoría cadete e outras dúas de categoría xuvenil.
Víctor Deco, pola súa banda, abandona as filas pontevedresas para xogar no Villa de Aranda e cubrir a zona do pivote do equipo burgalés.
O sevillano despídese do Teucro despois de dúas tempadas e recalará en Burgos, onde seguirá xogando en División de Honra.