O Visit Pontevedra, despois de varias xornadas na corda frouxa, xa pode dicir que segue sendo equipo de Superdivisión Masculina. Esta fin de semana conseguiuse o que a anterior parecía tan pouco probable: a salvación dos pontevedreses nada menos que no último choque da tempada e en casa.
Para iso tiñan que cumprirse dúas cousas: en primeiro lugar, a vitoria do Monte Porreiro sobre o Híspalis e, por outro, a derrota do Cambados, rival directo pola permanencia, ante o Universidade de Burgos. E así foi.
O encontro estivo dominado polos locais en todos e cada un dos cruces. Galvano, xunto a Marcos Sanmartín, foi o primeiro en tomar parte. Fóra dun dos sets, o xogador do cadro pontevedrés levou o gato á auga e sumou o primeiro punto no marcador (1-0). Punto que convidaba o optimismo nada máis empezar.
A continuación, tomou a testemuña Horacio Cifuentes. Este tivo que enfrontarse a Moisés Mulero, que, a diferenza do anterior, púxollo un pouco máis complicado. Con todo, coa vitoria entre cella e cella, o padeeiro de casa aumentou a renda, aproximando a súa escuadra ao obxectivo (2-0).
Bentacor foi o seguinte. Despois dun segundo xogo no que Antonio Chaves conseguiu pasar por encima ao pontevedrés, este último tirou de orgullo e non deixou marxe para que volvese escaparse ningún punto, establecendo, así, o 3-0 no electrónico.
Finalmente, Horacio Cifuentes exerceu un duro correctivo, esta vez, sobre Sanmartín, que xa nada podía facer por seus mais que encaixar o definitivo 4-0.
Agora toca celebrar e comezar a preparar a próxima tempada, que seguirá contando co Visit Pontevedra na máxima categoría do tenis de mesa español.