Con ganas e moita ilusión. Así comezaron a tempada os integrantes da canteira do Team Thunder que, ao longo da última semana, comezaron coas sesións de adestramento no pavillón da Raña.
O equipo Rebouras Team de Vigo visitou Marín para facer un adestramento conxunto co Team Thunder e no ring da Raña houbo moitos "quilates" de boxeo, cunha decena de campións de España entre os dous clubs e, en total, unha trintena de competidores.
Oitenta nenos e nenas preparan xa as próximas citas deportivas para o club, entre elas, o campionato galego de boxeo, o campionato de España junior ou a Copa Galicia.
Ademais, varios dos canteiráns participarán no I Open Ferrol, que servirá como primeira pedra de toque para a participación nos campionatos galegos de novembro.
A nivel nacional, a marinense Carla Agís atópase xa na súa segunda semana de adestramento no centro de alto rendemento Infanta Cristina, en Murcia, onde estará toda a tempada ás ordes de Marco Pérez, seleccionador nacional.