O primeiro proxecto do Team Farto- BTC como equipo profesional de categoría UCI Continental feminina vai tomando forma.
Nas últimas horas o equipo pontevedrés confirmou dúas novas incorporacións nas que ten depositadas grandes esperanzas, empezando pola viguesa Carla Fernández, procedente do Rio Miera Meruelo.
No seu segundo ano como ciclista sub-23, esta campioa de España contrarreloxo en categorías inferiores sinala como "unha enorme alegría ver como por fin alguién dentro do ciclismo feminino dá un golpe na mesa e saca adiante un proxecto como leste. É un soño feito realidade".
A incorporación de Carla é, segundo o director xeral do equipo Brais Dacal, "unha das mellores noticias para o Farto. Ten futuro e sabe moverse no pelotón. Se traballamos ben con ela ten papeletas de chegar a ser unha gran ciclista dentro do panorama nacional".
Ademais a escuadra ciclista anunciou a incorporación de Garazi Korta, formada no tríatlon e que comezou a pasada tempada a competir en ciclismo de estrada. Aos seus 26 anos a corredora vasca asegura que "é unha honra ser parte do primeiro equipo UCI feminino galego".
Estas dúas ciclistas únense á fichaxe Enara López, chamada a ser un dos referentes do Farto e que actualmente se recupera dun atropelo sufrido mentres adestraba.
Ademais foron confirmadas con anterioridade as incorporacións de Teresa Ripoll, Sara Bonillo e Pilar Jiménez xunto ás renovacións de Liliana de Jesus, Anna Pujol, Sandra Moral, Melissa Maia, Diana Pedrosa, Inés Castaño e Sabela Rey, no seu caso procedente do equipo xuvenil.