O Team Farto participará en maio na Volta a España feminina

Pontevedra
03 de marzo 2023

O equipo pontevedrés de categoría continental recibiu unha invitación para participar na carreira dispútase do 1 ao 7 de maio

Equipo ciclista Farto-BTC
Equipo ciclista Farto-BTC

O equipo pontevedrés Farto-BTC, único conxunto UCI de Galicia, será un dos participante na próxima edición da Volta Feminina tras recibir unha wildcard (invitación) por parte dos organizadores.

Este venres fíxose pública a lista de equipos participantes na Volta feminina, unha nómina que inclúe a doce equipos World Tour (máxima categoría mundial) e outros doce Continentais (segunda división mundial, á que pertence o Farto-BTC).

Na súa versión de 2023, a versión feminina da Volta a España amplía o número de etapas de cinco a sete e afrontará un versátil percorrido que parte de Torrevieja (Alacante) o 1 de maio cunha contrarreloxo por equipos e terminará o 7 de maio cun final no alto no mítico porto de Lagos de Covadonga.

Entre saída e chegada, as ciclistas realizarán 730 quilómetros. As etapas 2, 3 e 4 ofrecerán oportunidades para as esprinters co perigo engadido do vento, que pode facilitar outro desenlace ao esperado.

O resto de etapas verán a chegada da montaña e por tanto a acción para a clasificación xeral. O conxunto galego formula a carreira "para deixarnos ver e loitar por clasificacións secundarias e quilómetros de escapada", afirma o director do equipo Brais Dacal.

"Temos moito traballo por diante e queremos chegar nas mellores condicións posibles. A Volta sempre é durísima, non só polos percorridos, se non pola participación, pero é á vez un aliciente para que as nosas ciclistas dean a súa mellor versión", engade.

Para Ariadna Gutiérrez, ciclista mexicana do UCI, "a Volta é un gran reto que nos motiva moito a pesar do respecto que lle temos. Do que estamos seguras é de que non imos deixar pasar a oportunidade e loitaremos por facernos visibles, grazas á confianza do equipo que nos anima sempre a correr con valentía".

O presidente Abel Farto móstrase "entusiasmado coa invitación e con ganas de traballar para poder sacar o mellor posible desta carreira".

O plantel do equipo de desenvolvemento do Farto-BTC reforzouse con dúas novas incorporacións de orixe pontevedresa: a porriñesa Laura Mira, procedente do Super Froiz, e a triatleta Saleta Castro. Ambas debutarán na Copa de España de Noja este domingo coas novas cores do Farto-BTC.