O taekwondo pontevedrés regresa con tres medallas do Nacional Junior de combate

Pontevedra
18 de outubro 2016

Jéssica Blanco e Uxía Ogea, do Mace Sport de Pontevedra, e Arlet Ortiz, do Mat's de Marín, conseguiron subir ao podio nas súas respectivas categorías, pero escapóuselles a medalla de ouro na competición celebrada na localidade segoviana de Cantalejo

Selección galega de taekwondo no Campionato de España Junior de Combate
Selección galega de taekwondo no Campionato de España Junior de Combate / Federación Galega de Taekwondo

Bo papel o dos taekwondistas da comarca que acudiron a pasada fin de semana ao Campionato de España Junior na modalidade de combate, celebrado na localidade segoviana de Cantalejo.

Alí os deportistas de Mace Sport e Mat's que acudían á cita dentro do equipo da Federación Galega, conseguiu tres medallas, para Jéssica Blanco, Uxía Ogea e Arlet Ortiz.

Jéssica Blanco (Mace Sport), subiu ao segundo chanzo do podio na categoría de -55 quilos. Venceu na semifinal a Esther Blázquez (Madrid), pero cedeu na final ante Lidia Fernández, que eliminara na rolda previa á tamén pontevedresa Uxía Ogea (Mace Sport), bronce.

Pola súa banda Arlet Ortiz (Mat's) foi bronce en -52 quilos, ao caer na semifinal ante a que despois se proclamou campioa de España, a madrileña Lidia García, por un tenteo de 11-8.

Galicia, grazas ás 13 medallas dos seus deportistas, foi terceira na categoría feminina e cuarta na xeral por equipos. En total participaron no Campionato de España Junior preto de 300 taekwondistas.