O taekwondo pontevedrés exhibe o seu bo momento no Campionato de España

Pontevedra
12 de decembro 2017

Os tres clubs da cidade, Mace Sport Taekanart e Suh Sport, coleccionaron medallas na competición nacional celebrada en Castelló

Equipo do Mace Sport no Campionato de España de Clubs
Equipo do Mace Sport no Campionato de España de Clubs

O Campionato de España de Taekwondo celebrado a fin de semana en Castelló contou cunha importante participación pontevedresa.

Os tres clubs da cidade do Lérez (Mace Sport, Taekanart e Suh Sport) coleccionaron un bo número de medallas nas diferentes categorías e modalidades.

O concurso máis exitoso, en número e premios, foi para o Mace Sport con ata nove podios individuais.

En combate lograron ata tres ouros en varias categorías por medio de Adrián Martínez, Anxo Pazos e Roi Fraga, ao que se sumaron as pratas de Unai Pazos, Carlos Novo e Carlos Medranda e o bronce de Diego González. Ademais Diego Rodríguez sumou un ouro en técnica e Yago Pita unha prata na modalidade de freestyle. Para completar o medallas, os equipos infantil e senior de exhibición fixéronse co bronce.

Foi positivo tamén o botín para o Taekanart, cos ouros de Nico Argibay e Iván Rodríguez e o terceiro posto de Elena Luís. Ademais o club de Monte Porreiro proclamouse campión por equipos na categoría sub-21.

Por último o Suh Sport, con menos deportistas pero igual mérito, subiu a dúas das súas deportistas ao podio. Tratouse de Verónica González, prata na súa categoría, e Desirée Rivadulla, bronce.