O sorteo da Copa do Rei de balonmán depara un derbi pontevedrés na primeira rolda

Pontevedra
05 de setembro 2019

Cisne e Teucro veranse as caras a última fin de semana de setembro nun enfrontamento a partido único no que o cadro branco exercerá de local

Derbi entre o Cisne e o Teucro no Pavillón Municipal
Derbi entre o Cisne e o Teucro no Pavillón Municipal / Diego Torrado

A Real Federación Española de Balonmán sorteou este xoves a primeira rolda da Copa do Rei, na que participan soamente os equipos de División de Honra Prata e o azar deparou un derbi pontevedrés entre Cisne e Teucro para comezar a competición.

Para realizar o sorteo, os equipos foron divididos en dous bombos. Nun, os mellores clasificados da última liga e, no outro, os peores. As eliminatorias resolveranse a partido único na cancha do equipo que pechou a última competición ligueira en peor posición.

A primeira rolda disputarase entre os días 28 e 29 de setembro, quince días despois do inicio oficial da nova tempada na que o Teucro visitará ao Ciudad de Málaga e o Cisne, ao Atlético Novás que adestra Quique Domínguez.

Os outros emparellamentos da primeira rolda da Copa do Rey son os seguintes:

ARS Naranjas Palma del Río - Vestas Alarcos Ciudad Real
Unió Esportiva Sarriá - Conservas Alsur Antequera
Cajasur Córdoba - Blasgon y Bodegas Ceres Villa de Aranda
Cisne Colegio Los Sauces - Condes de Albarei Teucro
Handbol Bordils - Barça 'B'
Acanor Atlético Novás - Ford Alisauto Torrelavega
Amenabar Zarautz - Balonmano Alcobendas
Ciudad de Málaga - Zamora Rutas del Vino