O Sincro Pontevedra, mellor club do Campionato Galego celebrado en Pontemuiños

Pontevedra
22 de xuño 2015

Nove clubs déronse cita no Complexo Deportivo Rías do Sur no Campionato Galego de Nivel de Verán de natación sincronizada

Campionato Galego de Nivel de natación sincronizada en Pontemuiños
Campionato Galego de Nivel de natación sincronizada en Pontemuiños / Daniel Santomé

A natación sincronizada foi a protagonista da fin de semana no Complexo Deportivo Rías do Sur, coa disputa durante sábado e domingo do Campionato Galego de Nivel de Verán.

No cómputo de ambas as dúas xornadas, o mellor club dos participantes foi o Sincro Pontevedra, sumando os resultados das categorías alevín, infantil e xuvenil.

Segundo na clasificación xeral foi o RCN Vigo e terceiro o Sincro Ourense.

O cuarto posto foi para o Galaico Sincro de Pontevedra, que conseguiu unha cifra importante de medallas, seguido por Portamiña, Rías Baixas, Sincro Ferrol, Oleiros e Sincro Obradoiro.

A competición autonómica ten continuación este luns no Casino Mercantil, en Mourente, coa celebración do VII Trofeo Concello de Pontevedra, no que se inscribiron seis clubs de Galicia.