O sexto posto no Mundial coloca a Pablo Dapena segundo na loita polo World Bonus da franquía Challenge

Pontevedra
16 de setembro 2021

O triatleta pontevedrés, que xa liderou o ranking en 2018, competirá o próximo 3 de outubro no Challenge Salou en busca dun bo resultado que lle permita mellorar a súa situación. O Challenge Preguera-Mallorca do 16 de outubro será a última proba puntuable

Pablo Dapena no Duatlón 'Movéndonos por Poio'
Pablo Dapena no Duatlón 'Movéndonos por Poio' /

O Ranking World Bonus que outorga cada ano a franquía Chalengue Family está que arde, con Pablo Dapena como un dos seus máximos aspirantes aos primeiros postos.

O triatleta pontevedrés, que xa gañou esta recompensa ao mellor do ano en 2018 aínda que naquela ocasión compartindo premio con Sebastian Kienle, chega á recta final da tempada situado no segundo lugar da clasificación.

O seu sexto posto no Mundial de Longa Distancia de Almere, disputado baixo o paraugas de Challenge e sendo unha das probas que outorgaba maior puntuación, deixou a Dapena con 1.000 puntos, só superado polo alemán Patrick Lange (1.125 puntos), dobre gañador do Ironman de Hawaii. Lange colocouse á fronte tras vencer recentemente en Roth, a proba con maior puntuación a repartir (875 puntos para o gañador), e comanda o ranking cando apenas quedan xa carreiras no calendario.

Nunha delas, o próximo 3 de outubro, está xa confirmado Pablo Dapena. Trátase do Challenge Salou, carreira que do mesmo xeito que o Challenge Praguera-Mallorca que pechará a pelexa polo World Bonus o 16 de outubro repartirá 250 puntos ao primeiro clasificado.

O triatleta que consiga chegar á fronte desta clasificación nesa data levará unha recompensa de 30.000 dólares, mentres que o segundo será premiado con 20.000, o terceiro con 14.000, o cuarto con 8.000 e o quinto con 3.000 dólares.

Tras Lange e Pablo Dapena, o actual terceiro clasificado é Thomas Steger (950 puntos) seguido de Lionel Sanders (900 puntos) e Braden Currie (875). Un pouco máis afastados aparecen xa Frederic Funk (800) e Jan Frodeno (750 puntos).