O Roldán acaba co soño copeiro do Marín Futsal nos cuartos de final (1-3)

Marín
06 de maio 2022

Non puido ser. O Marín Futsal despediuse ao primeiro de vez da fase final da Copa da Raíña que este venres daba comezo en Ourense cos encontros de cuartos de final

Cuartos de final da Copa da Raíña entre Marín Futsal e Roldán
Cuartos de final da Copa da Raíña entre Marín Futsal e Roldán / RFEF

Non puido ser. O Marín Futsal despediuse ao primeiro de vez da fase final da Copa da Raíña que este venres daba comezo en Ourense cos encontros de cuartos de final.

O conxunto marinense, que chegaba moi xusto de preparación tras os casos de covid e incidencias que lle fixeron presentar só a tres futbolistas ao partido de liga fronte ao Burela, viuse superado polo STV Roldán.

O encontro comezou con dominio murciano pero con moita intensidade por ambos os bandos, co Marín esperando a súa oportunidade. A primeira opción clara foi iso si para o Roldán, nos pés de Andrea Marín.

Tamén as do Morrazo estiveron preto de estrear a conta no minuto 7. Silvia Aguete sorprendeu cun envío afastado e Gaby, tras recoller o rexeite, disparaba alto. Foi xusto antes de que chegase o primeiro tanto do choque para o Roldán. Só un minuto despois Patricia recollía un rebote tras un saque de banda e conectaba un potente disparo á base do pau ante o que nada podía facer Silvia Aguete.

O gol non cambiou o guión, coas murcianas levando a iniciativa ante un Marín ao que lle custaba chegar perigo.

Antes do descanso, a só 1 segundo da conclusión, chegou de feito outro tanto do Roldán, anulado finalmente ao tocar o balón no brazo de Noelia.

Non chegou o segundo aí pero si o fixo nada máis renovarse o partido. Só pasaran 34 segundos cando Consolo aproveitaba unha rápida acción do seu equipo para poñer moi de fronte a eliminatoria co 0-2 e moi costa arriba para o Marín.

As xogadoras adestradas por Raúl Jiménez non se renderon, e estiveron preto de recortar distancias pouco despois nunha acción de Ceci deixando atrás a unha rival e disparando coa dereita sen atopar portería por moi pouco.

Os minutos pasaban sen cambios e o Marín Futsal avanzaba liñas para tentar apurar as súas opcións, ata que a cinco minutos do final Raúl Jiménez solicitaba tempo morto e apostaba polo xogo de cinco.

O movemento converteu os minutos finais nun asedio aínda que sen premio, ao defenderse con acerto o Roldán e mesmo sentenciar co seu terceiro gol, o segundo na conta de Patricia, para sacar o billete ás semifinais de Copa.

O que si logrou o Marín foi o gol da honra, o 1-3 a falta de 56 segundos, ao transformar Ceci un penalti cometido pola gardameta Cristian sobre ela mesma e que tivo que se validado polo VAR.