O rendemento de 23 promesas da vela galega, en mans de investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte

Pontevedra
19 de xaneiro 2024

Un total de 23 mozos e mozas cambiarán os seus plans de adestramento para así mellorar o seu rendemento á hora de realizar diferentes manobras nas embarcacións, readaptar en caso de que haxa algunha lesión ademais de traballar en previlas

Programa de Tecnificación CGV-CGTD da Federación Galega de Vela
Programa de Tecnificación CGV-CGTD da Federación Galega de Vela / Universidade de Vigo

As novas promesas da vela están a participar un ano máis no Programa de Tecnificación CGV-CGTD impulsado pola Federación Galega de Vela en colaboración co Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Deste xeito, un total de 23 mozos e mozas cambiarán os seus plans de adestramento para así mellorar o seu rendemento á hora de realizar diferentes manobras nas embarcacións, readaptar en caso de que haxa algunha lesión ademais de traballar en previlas.

Para iso, os investigadores e investigadoras avaliarán o rendemento dos deportistas e orientarán o traballo ao sistema neuromusculular e o desenvolvemento motor á vez que deseñan uns plans de adestramento, centrados tanto no traballo de forza como de flexibilidade e mobilidade, que son claves para o seu desenvolvemento", como explica Óscar García, responsable deste laboratorio e decano da facultade.

Esta colaboración sirve paracontinuar o contrato de I+D desenvolvido a pasada tempadae "do que tanto a federación coma nós quedamos moi satisfeitos", sinala García. Partindo de que a vela é un deporte no que os aspectos técnicos e tácticos son determinantes, pero no que un nivel físico óptimo pode resultar clave á hora de obter as máximas prestacións da embarcación, este proxecto orienta a preparación de rapaces e rapazas de categoría xuvenil ao seu correcto desenvolvemento a longo prazo.

"Non buscamos un rendemento físico inmediato. Traballamos con xuvenís que aspiramos que o día de mañá estean no equipo español e ese un camiño moi longo", subliña o director deportivo da federación, Bruno Gago, que sinala que o obxectivo "dunha colaboración que é un luxo" é que estes deportistas "teñan unhas bases que lles permitan desenvolverse na mellor dirección".

Tal e como explicou Gago, os participantes neste programa son os cinco deportistas beneficiarios dunha bolsa para formarse no CGTD e outros 18 que realizan os adestramentos específicos no Centro Galego de Vela (CGV), en Vilagarcía de Arousa. Ambos grupos sométense na facultade a unha primeira avaliación do rendemento, que abrangue un conxunto de probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade, mobilidade articular, control postural ou asimetrías laterais e funcionais.

A primeira avaliación dos deportistas realizouse no mes de decembro, pero as probas completaranse en febreiro cos e coas participantes no programa no CGV. Isto implicará posteriormente a realización dun seguimento e de novas avaliacións.

Cos resultados acadados, definirán un programa de preparación física para contribuir "ao seu desenvolvemento neuromuscular, a flexibilidade e a mobilidade no desenvolvemento destes deportistas. Nestas etapas, máis que mellorar o rendemento, é clave detectar déficits de mobilidade, que non existan asimetrías importantes", engadiu Bruno Gago.

Neste sentido, Gago destacou que os resultados que este traballo supuxo xa a pasada tempada, na que "deportistas que viñan carreando algunha molestia, especialmente por cargas posturais, completaron a tempada a un nivel de rendemento físico excepcional".  

As pautas definidas orientarán o traballo como preparador físico do tamén integrante do laboratorio Ginés Martínez, que se encarga tanto de dirixir as sesións de traballo dos deportistas que contan cunha bolsa no CGTD como de facer un seguimento daqueles que adestran no CGV.