O Rallye de Pontevedra, o segundo mellor valorado do calendario pola Federación Galega

Pontevedra
08 de decembro 2023

Só o Rallye de Ferrol, con máis de medio século de vida, foi mellor valorado esta temporrada polos observadores da Federación Galega de Automobilismo

V Rally de Pontevedra
V Rally de Pontevedra / Cristina Saiz

En apenas tres edicións desde a súa recuperación, tras moitos anos de ausencia, o Rallye de Pontevedra consolidouse como unha das mellores probas do calendario galego.

Así o certifican as puntuacións emitidas polos observadores da Federación Galega de Automobilismo ao longo da tempada 2023, na que só un evento do Campionato Galego de Rallyes conta con mellor valoración que o V Rallye de Pontevedra, celebrado durante a primeira fin de semana do mes de xuño con Víctor Senra como vencedor e unha alta participación con ata 128 pilotos rexistrados.

Neste particular ranking, das dez carreiras que compoñen o calendario, só unha con máis de medio século de vida como é o 54º Rallye de Ferrol (2509,80 puntos) supera en puntuación á proba organizada pola escudería Congostra Team Sanxenxo. De preto séguelle coa segunda mellor nota o V Rallye de Pontrevedra (2459,00 puntos).

Por orde de puntuación séguenlles o Rallye Mariña Lucense (2042,80), Rallye San Froilán (2016,40), Rallye Ribeira-Ría de Arousa (1947,40), Rallye Sur do Condado (1891,20), Rallye da Coruña (1856,20), Rallye Pazo Tizón (1803,80), Rali Berberecho de Noia (1796,40) e Rallye Ourense Ribeira Sacra (1614,60).

Noutras especialidades o 6º RallyMix Cuntis Vila Termal foi o segundo mellor valorado do seu campionato con 2309 puntos, moi preto do primeiro clasificado que foi o RallyMix Sidra dá Estrada (2384).

Pola súa banda no Campionato Galego de Montaña a proba máis destacada do ano para os observadores da Federación foi a Subida A Estrada (2715 puntos).