O Rallye de Pontevedra contará con 120 participantes para a súa sexta edición

Cerdedo-Cotobade
15 de maio 2024

A proba automobilística, incluída dentro do Campionato Galego de Rallyes e que se celebrará o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño, foi oficialmente presentado este mércores no Real Club Náutico de Sanxenxo

Presentación do VI Rallye de Pontevedra
Presentación do VI Rallye de Pontevedra / Concello de Sanxenxo

O VI Rallye de Pontevedra quenta motores coa súa presentación oficial, celebrada este mércores no Real Club Náutico de Sanxenxo.

O evento automobilístico, correspondente ao Campionato Galego de Rallyes, celebrarase o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño con base en Sanxenxo pero pasando por toda a comarca grazas aos tramos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Meaño e a estrea do deseñado en Moraña.

En total, segundo desvelaron na presentación, serán 120 os vehículos e pilotos que participarán na competición.

A cita arrincará na mañá do venres 31 coas verificacións técnicas na Rúa Rafael Picó, onde pola tarde, a partir das 19.30 horas, terá lugar a cerimonia de saída cara ao tramo espectáculo de Nantes, na zona do polígono industrial.

En todo caso o seu día grande será o sábado 1 de xuño con dúas pasadas a cada un dos tramos de competición, pola mañá aos preparados en Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade e en horario de tarde nos de Meaño e Moraña.

Repartiranse ata 7.900 euros en premios nunha gala de clausura que se celebrará próxima á medianoite.

Trátase dun evento de motor ao que se espera que asistan multitude de afeccionados, e é que como lembrou o concelleiro de Deportes de Sanxenxo, Marcos Guisasola, "na pasada edición atraeu máis de 22.000 persoas á cita".