O Rally de Pontevedra pecha inscricións con 128 participantes

Cerdedo-Cotobade
25 de maio 2023

A proba automobilística, incluída dentro do calendario do Campionato Galego de Rallies, celebrarase os días 2 e 3 de xuño cunha alta participación. Víctor Senra, co seu Citroen C3 WRC, lucirá o dorsal número 1 co obxectivo de repetir o triunfo de hai un ano

IV Rally de Pontevedra
IV Rally de Pontevedra / Cristina Saiz

A quinta edición do Rally de Pontevedra quenta motores a poucos días da súa celebración, e faino pechando unha lista de rexistrados que confirma unha alta participación.

Serán en total 128 os coches e pilotos participantes na proba, correspondente ao Campionato Galego de Rallies e que terá lugar o venres 2 e o sábado 3 de xuño.

Víctor Senra, vencedor das dúas últimas edicións, partirá como un dos grandes favoritos ao triunfo co seu Citroen C3 WRC e lucendo o dorsal número 1 e como actual líder do certame autonómico tras tres probas completadas. Á coroa tamén aspiran outros pilotos como Alberto Meira (dorsal 2) cun Skoda Fabia Rallye 2, segundo na xeral, ou Luís Vilariño (dorsal 3 e quinto na clasificación) co seu Hyundai I20 R5. 

José Manuel Lamela (dorsal 8) con outro dos Skoda Fabia chega ao Rally de Pontevedra como terceiro na xeral do campionato galego.

No que respecta á competición, a cerimonia de saída terá lugar ás 19.15 horas do venres 2 de xuño desde a Praza do Mar de Sanxenxo, desde onde os participantes encamiñarase ao tramo espectáculo co que se abrirá fogo.

Será unha toma de contacto para o que espera o sábado 3 de xuño, con ata tres pasadas cronometradas aos tramos deseñados en Meaño (8.03 horas, 12.57 e 17.51 segundo o horario previsto), Cerdedo-Cotobade (9.06, 14.00 e 18.54 horas) e Campo Lameiro-Moraña (9.57, 14.51 e 19.45) .