O Club Deportivo Puertollano renuncia a competir na Segunda División B. A nova adiantouna La Tribuna de Ciudad Real e foi confirmada polo seu presidente, Guillermo Fernández Moya, que presentou tamén a súa dimisión. Consúmase así o que todo o mundo presupoñía. O equipo manchego non foi capaz de reunir os 400.000 euros que lle esixía como aval a Federación Española de Fútbol para poder competir na categoría de bronce.
A única esperanza da directiva do Puertollano era que a RFEF aceptara ampliar o prazo do aval, algo que era improbable despois de que xa fora ampliado a semana pasada.
Queda por resolver agora a quen lle corresponde o dereito a ocupar a praza libre na Segunda B. En principio, pugnaban por ela dous equipos: o Pontevedra e o Villarobledo. Os granates defenden que, en función do regulamento federativo e apelando aos seus dereitos deportivos, optarían eles ao ascenso, xa que non se trata dun descenso administrativo.
O Pontevedra apela, concretamente, ao artigo 197 do regulamento da RFEF. Nel, reflíctese que "cando un equipo que tivera obtido, pola súa puntuación, o dereito ao ascenso, renuncie a consumar este, tal dereito corresponderá ao inmediatamente seguinte mellor clasificado na competición ou, se é o caso, fase, que con el tivese competido". Feito que se axusta, sinala o club, ao que acontece co Puertollano, que eliminou o Pontevedra na última eliminatoria da fase de ascenso.
Pero a federación manchega insiste en que o seu substituto sexa outro equipo da rexión, neste caso o Villarobledo. En principio, entre ambos os dous terá que decidir a RFEF. A pesar diso, equipos andaluces como Liñnares ou Algeciras, que foron eliminados na última fase de ascenso a Segunda B, reclaman tamén a praza para eles, alegando que o Puertollano deixaría libre un oco no grupo IV de Segunda B. Pero as súas pretensións non se sosteñen, porque os grupos territoriais aínda non foron formados.
En todo caso, a propia presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, afirmaba este martes que "se hará lo posible porque este club salga en Segunda B". Chegou a asegurar que "habrá noticias muy ilusionantes a final de esta semana", deixando entrever que están bastante seguros das opcións que ten o club de que a Federación lles vaia dar a razón.
A decisión tomarase este venres no seo da Comisión de Competición da Federación Española de Fútbol.