A primeira edición do Pro Tour de tríatlon, competición creada pola Federación Española como gran festa de fin de tempada nacional, estrearase en Pontevedra ao grande os días 12 e 13 de outubro.
Segundo Jorge García, director de competicións da Federación Española de Tríatlon, "se nos ha ido de las manos en el buen sentido porque nunca piensas que vas a tener a todos los mejores", e é que aos clasificados por vía directa por ranking internacional ou pola súa actuación nos diferentes campionatos nacionais da tempada, uníronse as invitacións cursadas pola organización.
En categoría masculina a 'wild card' é para Iván Raña, polo que xunto a Javi Gómez Noya e Mario Mola, xa confirmados, "reuniremos por primera vez en la historia a los tres campeones del mundo que ha tenido este país", explica García en relación á modalidade olímpica.
O único gran ausente para a afección local entre os 40 triatletas elite clasificados será Pablo Dapena, que hai poucos meses lograba brillantemente en Pontevedra a medalla de prata no Mundial de longa distancia celebrado na cidade e que non estará na cita por incompatibilidade co seu calendario na especialidade longa. De feito o pontevedrés ten previsto competir nas próximas semanas en tres probas antes de dar por pechado o curso: o Challenge de Mallorca (19 de outubro), o Ironman 70.3 de Arxentina (3 de novembro), e o Challenge de Cidade do Cabo (10 novembro). "Es entendible porque para un deportista de larga distancia hacer un supersprint es un cambio radical", explicou o representante da Federación Española este xoves no Concello de Pontevedra, onde se reuniu o comité organizador do evento.
Iván Raña e Ainhoa Murúa foron convidados pola organización, mentres que Pablo Dapena será o gran ausente por incompatibilidade co seu calendario de longa distancia
Pola súa banda na categoría feminina a invitación é para Ainhoa Murúa, deportista que participou nos últimos catro Xogos Olímpicos. Nesta proba si estará a pontevedresa Saleta Castro, clasificada polo seu papel no Nacional Sprint disputado en Roquetas de Mar, ademais de nomes como os de Anna Godoy, Sara Pérez, Carol Routier, Tamara Gómez, Anneke Jenkins, Camila Alonso ou as venezolanas afincadas na Boa Vila Joselyn e Edimar Brea.
En canto á nómina masculina, ademais dos Raña, Gómez Noya e Mola, súmanse triatletas como o vigués Antonio Serrat, habitual das Series Mundiais, ou o talaverano Fernando Alarza, medallista mundial, entre outros.
A primeira edición do Pro Tour de tríatlon creouse como un "producto pensado para el espectáculo", lembrou Jorge García, que se completará con carreiras de grupos de idade como o Campionato de España Contrarreloxo. Organizarase en dúas xornadas, sendo a primeira (12 de outubro) composta por dúas carreiras en formato supersprint (200 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros de carreira a pé) consecutivas, tendo que volver á auga ao finalizar o primeiro tramo de carreira. En cada unha das transicións os 5 últimos clasificados quedarán descualificados ata terminar só con 15 triatletas en competición no sector final.
En canto ao segundo día, tamén en formato supersprint, disputaranse dúas eliminatorias de 20 triatletas no que só os 10 primeiros de cada unha pasará á carreira final. A suma dos resultados de ambas as xornadas determinará a clasificación final.
REUNIÓN DO COMITÉ ORGANIZADOR
Ademais do representante da Federación Española, no Concello reuníronse este xoves o director xeral para o deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o presidente da Federación Galega, Gonzalo Triunfo e a concelleira de Grandes Eventos, Anabel Gulías, nunha reunión na que tamén participou a Policía Local.
Mentres o máximo responsable do deporte en Galicia felicitouse porque Pontevedra mantéñase como "el centro permanente del triatlón nacional", Anabel Gulías quixo resaltar a gran relación da cidade con este deporte, porque "o tríatlon en Pontevedra é máis que unha práctica deportiva. É moi difícil cuantificar canto lle debemos ao tríatlon".
Segundo sinalaron os responsables do Prol Tour na súa comparecencia, as diferentes carreiras serán retransmitidas en directo por LaLigaTV, a Televisión de Galicia e a canle TriathlonLive da Federación Internacional (ITU).