O PP reclama que se poña en marcha o "convenio incumprido" para reactivar o Complexo Deportivo Rías do Sur

Pontevedra
19 de outubro 2023

Os populares instan o goberno local a poñer en marcha "dunha vez por todas" o convenio entre o Concello e a Fundación Rías do Sur para "dar certezas" aos clubs despois de "moitos meses de inquietude"

Os clubs de auga volven usar a piscina olímpica máis dun ano despois
Os clubs de auga volven usar a piscina olímpica máis dun ano despois / PontevedraViva

A situación do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, que segue sen retomar a súa actividade plena máis de ano e medio despois de peche e renuncia da empresa Supera a xestionar a instalación, motivou este xoves novas críticas do Partido Popular.

O concelleiro e responsable da área de Deportes do PP, Guillermo Juncal, reclama ao goberno local que poña en marcha o "convenio incumprido" para reactivar por completo o complexo.

"Parécenos intolerable que o Concello siga dando as costas a centos de deportistas de diferentes disciplinas, que representan a Pontevedra por todo o mundo, e a unha instalación que é referente en toda Galicia", asegurou o edil popular lamentando que "o alcalde e o BNG volvan faltar á súa palabra ao utilizar esta problemática enquistada no tempo para facer precampaña electoral, no canto de achegar unha solución".

A situación, asegura, mantén aos clubs de auga da cidade adestrando "de forma precaria" noutras instalacións deportivas e noutros concellos.

Por todo iso o PP insta ao Concello a poñer en marcha "dunha vez por todas" o convenio coa Fundación Rías do Sur para "dar certezas" aos clubs despois de "moitos meses de inquietude".