Desde principios do mes de novembro o campo de fútbol municipal de Gatomorto, en Xeve, non dispón de auga corrente, dificultando a actividade dos equipos que alí se adestran, principalmente as categorías inferiores do Pontevedra Club de Fútbol.
A situación, unida ao estado da pista de acceso ás instalacións, xa motivou as queixas dun dos grupos políticos da corporación, o PSOE, ás que agora se sumou o Partido Popular.
O concelleiro popular Guille Juncal pediu ao Concello que solucione "de forma inmediata" o problema existente coa subministración de auga, asegurando que é unha situación "inaceptable".
"Desde o PP percibimos unha evidente falta de interese político, por parte do goberno local, por cada unha das infraestruturas deportivas da cidade. O mantemento das instalacións e o amparo económico dos clubs brillou pola súa ausencia durante o anterior mandato. Non poden seguir igual", afirma.
Juncal critica ademais o mantemento dunha instalación deportiva que é "practicamente nova", xa que o campo de fútbol de Gatomorto foi inaugurado no ano 2019.