Co ascenso a Rexional Preferente no peto, Pontevedra B e Portonovo pechaban tempada en Pasarón disputándose o título de liga do grupo V da Primeira Autonómica. O filial granate chegaba con vantaxe de dous puntos, o que facía que lle bastase un empate para proclamarse campión, pero foi o Portonovo o que levou o gato á auga ao vencer con xustiza e mesmo por curta marxe para o visto no céspede.
Fenomenal ambiente na bancada de Tribuna, a única que se habilitou para o partido, con numerosísima presenza de afeccionados visitantes, que se fixeron notar e ao final celebraron ao grande o título do conxunto arlequinado, nun partido no que o Portonovo foi moi superior na primeira parte, na que puido lograr máis goles que ese 0-2 final, para manexar con criterio, seguridade e oficio o resultado na segunda, na que, pese ao empuxe dos locais, apenas pasou apuros.
Poida que, tras o visto, o que inicialmente parecía un premio á magnífica tempada realizada polo equipo que adestra Sergio Moreira, ao final fose un agasallo envelenado que xogou na súa contra. Afeitos actuar nun escenario de herba sintética e dimensións máis reducidas, o Pontevedra B viuse incómodo e nervioso desde o primeiro instante, sendo o Portonovo, cun terreo moi similar en medidas e características ás de Baltar, quen se moveu a pracer.
Aínda así, o resultado viuse clara e tempranamente condicionado por dous graves erros defensivos da zaga granate. O primeiro chegaba aos 13 minutos, cun fallo no despexe do meta Cristian, que termina co balón nas botas de Iván Dadín, ao que non lle tremeu o pulso para superar ao porteiro local por raso no man a man.
Ese gol afectou o rendemento dos granates, que verían como o partido poñíaselles pouco menos que imposible no minuto 24. Pacheco comete un erro que lle obriga a realizar unha falta na coroa da área. Carlos Martínez, con potencia, coloca o balón no pau do porteiro, facendo subir o 0-2 definitivo ao marcador.
Ata o descanso, o Pontevedra B non conseguiu crear nin unha soa ocasión de perigo, mentres que o Portonovo tivo tres contras moi perigosas que non acertou a culminar por falta de puntería no disparo final.
Na segunda parte, cos cambios, o Pontevedra B mellorou e fíxose co control de balón, pero topouse cun Portonovo firme atrás, seguro de si mesmo, que non deixaba espazos e que tivo un seguro ás súas costas cun Pablo que desbaratou as escasas ocasións xeradas polo cadro local, especialmente un remate de cabeza a pracer de Pacheco que o porteiro visitante detivo extraordinariamente, frustrando calquera posibilidade de remontada.
O Pontevedra B pechará unha magnífica tempada con ese desexado ascenso a Rexional Preferente, disputando a final da Copa Deputación, este próximo luns 22 de maio na Lomba de Vilagarcía.
Consulta a acta do partido Pontevedra B-Portonovo nesta ligazón.